O paro sube en Galicia e mostra a debilidade dun modelo produtivo dependente da estacionaliedade

Segundo os datos desprendidos está mañá dende o Ministerio de Emprego, o paro sobe en Galicia en 1.272 persoas no mes de novembro ata situarse no total de 187.175 desempregadas na nosa comunidade. Estas cifras demostran que o emprego en Galicia é dependente da actividade produtiva estacional en épocas como Nadal ou verán, o que amosa a debilidade do noso modelo produtivo.

Ademais destas cifras, o gravísimo problema co que se enfronta Galicia é a precariedade laboral e os baixos salarios. Grazas ás políticas do PP, semella que os contratos precarios e temporais chegaron para quedarse: tan só o 8,3% dos contratos asinados no pasado mes de novembro foron indefinidos.

As políticas da dereita só fan avanzar a precariedade, asentan as privatizacións e os recortes de servizos públicos, danando os dereitos máis básicos dunha clase traballadora cada vez máis precarizada.

Ademais, o problema do desemprego segue unha grave tendencia no noso país que hai que atallar de xeito urxente: a xente nova ten que emigrar para buscar traballo e moitas persoas xa perderon toda esperanza e abandonan as listas do paro. Como vimos de denunciar nos últimos meses, as mozas e mozos galegos son o colectivo máis castigado pola alta temporalidade dos contratos e salarios de miseria, que son o 80% destes.

En Galicia temos menos traballo, pero máis repartido entre traballadoras e traballadores precarios que non chegan a fin de mes. A realidade é que a masa salarial é a mesma, o que muda son os salarios e as condicións laborais, que empeoran cada ano, seguindo así o obxectivo das políticas neoliberais: a destrución de emprego indefinido e de calidade e a condena de xeracións futuras a vivir condicións precarias inaceptables.

Relacionados