O Partido Comunista de Galicia celebra este sábado 16 de xuño en Ourense a súa festa anual

Este sábado 16 de xuño terá lugar en Ourense a Festa Anual do Partido Comunista de Galicia (PCG), que se celebrará no Campo da Feira. Esta Festa está marcada polos 50 anos de aniversario da fundación do PCG, aínda que tamén polas vindeiras eleccións municipais, un tema que ocupará a primeira mesa de debate, que leva o nome de “Municipalismo e Ruptura”.

Respecto a “Municipalismo e Ruptura”, os cargos públicos municipais do partido Comunista e de Esquerda Unida, así como de forzas aliadas, debatirán neste primeiro coloquio sobre os límites e oportunidades para o desenvolvemento da estratexia de ruptura democrática dende os concellos, así como do horizonte da Unidade Popular para este ciclo. Rubén Pérez, concelleiro da Marea de Vigo, Carlos Portomeñe, concelleiro de ACE-Lugo, Pilar Díaz, alcaldesa de Mugardos, Montse Valencia, Concelleira de Ourense en Común ou Vanessa Angustia, senadora de En Marea, serán algúns dos que participarán.

Esta é unha Festa marcada tamén polos 200 anos do aniversario do nacemento de Marx, un tema que centrará a segunda mesa, que versará sobre o marxismo no século XXI. Esta mesa de debate supón un espazo para analizar o pensamento revolucionario e a vixencia do marxismo a día de hoxe na sociedade e no marco das Eleccións Europeas. O acto rematará cun mitin político que contará coas intervencións de Eva Solla, secretaria xeral do PCG e Enrique Santiago, secretario xeral do PCE.

Podedes ver todo o programa completo dende aquí

Relacionados