O Partido Comunista de Galicia celebra este sábado en Ourense a súa festa anual

Este sábado 10 de xuño terá lugar en Ourense a Festa Anual do Partido Comunista de Galicia (PCG), que se celebrará no Campo da Feira (situado na entrada da cidade, a carón do río
Miño e das Termas da Chavasqueira) e arrincará ás 11 horas mediante unha benvida poética.

No acto haberá tres mesas de debate. A primeira, co título de “Mercantilización do corpo das mulleres: prostitución e ventres de aluguer”, participará a Secretaria de Muller do PCG, Isabel Sánchez e a secretaria de Feminismo da Xuventude Comunista, Rosa Trillo. Contará tamén coa participación de Yerma González Hevia, psicóloga e membro do Foro Feminista “Falando nós”. A segunda mesa, “Soberanía e solidariedade dos pobos ante o golpismo imperialista” está a cargo da Secretaria Xeral do PCG, Eva Solla, e contará coa presencia de Manu Pineda, activista e responsable de Relacións Internacionais do PCE, que falará das diferentes experiencias en países como Palestina ou Siria.

Por último, a mesa “Centenario do Aniversario da Revolución Bolchevique”,  cargo de Manuel Peña-Rey, Presidente de Honra do PCG,  Xesús Alonso Montero, e os membros da Xuventude Comunista Ángela Serantes e Emiliano Cossini.

Ademais destes espazos de debate, haberá un xantar popular e un espazo de lecer, así como diferentes exposicións. Ás 20 horas rematará a xornada co Mitin Central, a cargo da Secretaria Xeral do PCG, Eva Solla, Manu Pineda por parte do PCE e Alejandro Martínez, Secretario Político da XC.

Relacionados