O PP aplica o rolete nos orzamentos

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2013.- “Pregúntome que acontecería se existise unha fábrica de automóbiles en que o automóbil entra xa feito e sae igual”, comezou esta mañá a súa intervención Xosé Manuel Beiras, portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), no debate sobre o ditame dos Orzamentos da Xunta para 2013. “Sería produtividade cero”, engadiu. Para o seu grupo parlamentario, o rolete aplicado polo Partido Popular –que rexeitou case un milleiro de emendas das forzas da oposición- traduciuse “nun mes de traballo inútil”. “De pouco vale que se fagan emendas racionais”, concluíu, “porque aquí non se debate o uso da razón, senón entre o ‘si buana’ e o ‘green go home”.

Segundo Beiras, o Goberno “encastélase nunhas liñas de actuación que favorecen esta barbaridade e que ditan poderes” alleos á Cámara. O pagamento da débeda aínda que isto implique recortes brutais nos servizos sociais públicos básicos ou poñer a maquinaria institucional ás ordes do capital financeiro son as maneiras de funcionar dos executivos dirixidos pola dereita. “Nós defendemos conxuntos de emendas perfectamente razoábeis”, expuxo o portavoz de Alternativa, “pero vostedes néganse a aumentar os ingresos, porque se faría a costa dos que teñen máis”. “É Robin Hood ao revés”, resumiu. “róubase aos pobres para llo entregar aos ricos”.

Para AGE, o PP, tamén na Xunta encabezada por Alberto Núñez Feijóo, limítase a obedecer o dogma neoliberal. Por iso, Beiras volveu prognosticar que á dereita só lle quedan dúas opcións: “Vostedes ou acabarán destruíndo o país e as vindeiras xeracións cuspirán sobre as súas tumbas ou terán que saír por pernas”.

 

Relacionados