Esquerda Unida considera que o recorte do Goberno municipal en educación pública, precariza aos educadores das actividades extraescolares e reduce a calidade do servizo. Unha vez máis a aplicación de políticas neoliberais por parte do PP están a provocar que os traballadores e os usuarios dos servizos públicos, neste caso da educación pública, sexan os damnificados.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe ao Goberno local que rectifique a súa política para que as consecuencias da crise recaian sobre os que a causaron e non sobre as familias traballadoras, incrementando os impostos ás grandes empresas con beneficios e aos bancos en lugar de aplicar recortes sobre a maioría social.
O Partido Popular, nos seus anos de oposición municipal, pulaba polos recortes en gastos suntuosos e pola austeridade, pero cando chega ao goberno a realidade e que os seus recortes teñen como consecuencia a precarización das condicións salariais dos traballadores que dende logo non foron os causantes da crise que estamos a sufrir.
Dende EU-V denunciamos a perversa estratexia do PP que pretende desmantelar os servizos públicos para favorecer as empresas privadas. Mentres recorta nas actividades extraescolares dos colexios públicos, reducindo a súa calidade, incrementa o investimento para entidades privadas deportivas, no que semella un intento de coacción sobre os pais e nais coruñeses para afastar aos seus fillos dos colexios públicos.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “esta é unha das moitas razóns pola que votamos en contra destes orzamentos, ninguén que se considere de esquerdas pode apoiar activa ou pasivamente uns orzamentos que precarizan aos traballadores e castigan aos usuarios dos servizos públicos”.