Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través da súa viceportavoz Yolanda Díaz, vén de esixir á Xunta a constitución dun órgano específico para previr a corrupción. Faise eco, así, dunha reclamación histórica da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), cuxa última memoria volve solicitar a creación dun ente desas características. “A corrupción é a antítese da democracia”, expuxo Díaz na comisión parlamentaria, “e para a cidadanía do Estado, segundo o último estudo do CIS, a segunda preocupación”. “AGE entende necesario constituír unha institución que estabeleza fórmulas eficaces, proporcionadas e disuasorias na prevención da corrupción e en particular no eido público”, argumenta a exposición de motivos da proposición non de lei presentada no Parlamento.
A iniciativa, apoiada polos outros dous grupos da oposición –BNG e PSdeG-, non suscitou, porén, o respaldo do Partido Popular. Amparado en escusas e ambigüidades e na futura comisión conformada na Cámara, o deputado Agustín Baamonde rexeitou votar a prol dunha reivindicación recorrente do Tribunal Superior. “A última memoria da Fiscalía Superior”, explica a proposición de Alternativa, “desenvolve unha interesante reflexión sobre a importancia da constitución dun órgano independente que alente a prevención e a loita contra a corrupción”. Ese documento enumera, a maiores, algunhas accións concretas: elaboración de códigos, formación específica na materia, construír canles de traballo cooperativo con outras entidades e administracións, planos de xestión de riscos ou avaliación das políticas públicas. “Se os grupos non temos nada que agochar, o normal sería que o apoiásemos todos”, desafiou Yolanda Díaz. O PP non o fixo.