O PP contra o dique flotante

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2013.- Aínda que o pasado domingo algún membro do Partido Popular se deixou ver na manifestación de Ferrol en defensa do naval, hoxe, no Parlamento, volveu tirar a máscara. E, a través do seu deputado Pedro Arias anunciou que rexeitará todas emendas dos tres grupos da oposición que procuraban financiamento para unha infraestrutura básica no futuro do naval galego. Así o expresou a parlamentaria de Alternativa Galega de Esquerda, Chelo Martínez: “O dique flotante de Ferrol é básico non só para esa comarca, senón tamén para Vigo e para todo o naval galego”. Pero ao PP nada diso semella preocuparlle. Cun cinismo descomunal, o señor Arias nega o que os seus compañeiros de partido parecían reivindicar ao se manifestaren.

A emenda defendida por AGE consigna 21,2 millóns de euros para o dique, “unha infraestrutura imprescindíbel”, como explicou no seu día a viceportavoz de AGE Yolanda Díaz, para xerar emprego nunha bisbarra onde se produciron máis de 2.000 despedimentos no último ano só no sector naval.

Relacionados