O PP e a devolución do Códice

E absurdo é escoitar ao presidente da Xunta xustificar, unha vez máis, o inxustificable. O desprazamento de Rajoy implica toda unha parafernalia (seguridade, séquito de aduladores e outros empregados da corte, etc.), financiada desde as –din eles cando aplican a tesoira nos eidos da educación, da sanidade e dos servizos sociais- secas arcas públicas.

 

Acaso non se consultou ao perito especializado para confirmar que non padeceu danos? Acaso non se practicaron interrogatorios e detencións? Non fixo seu traballo a policía? Pois con que se achegase a propia policía, ou se o prefiren, e xa como cumio da publicitaria fotografía, que fose o conselleiro de educación e cultura, o peor da historia, dito sexa de paso, quen fixese entrega do Codex aos responsables do arquivo catedralicio, abondaba.

 

Pero non. Os políticos do absurdo queren desviar a atención do importante para deterse nos supostos símbolos que –pensan eles- máis afectan á poboación. De paso, aproveitarán que teñen aos medios de comunicación aos seus pés, para fachendear e meter unha pica electoralista, como as que Feijóo leva nas súas viaxes a Latinoamérica.

 

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela estes son os tempos dunha traxedia que queren disfrazar de comedia. É insultante. Así, en tempos en que Rajoy nos ameaza cos “venres de paixón”, anunciando novas, duras e inxustas medidas de recortes en materia de dereitos, que só cercenan as posibilidades de vivirmos con dignidade, en tempos en que nin se digna en saír de forma directa a explicarlle ao seu pobo as condicións da entrega do futuro do país aos intereses financeiros (dándose o lóxico ‘cabreo’ de países europeos que non entenden a nosa política do absurdo que impulsa a amnistía fiscal e perdoa a banqueiros e políticos sen escrúpulos), a súa señoría converte en esperpento, en espectáculo cabareteiro –con todo o noso respecto para o teatro do cabaret- o que debera ser integridade política e coherencia ética.

 

E así a austeridade neoliberal, que é a que abafa á cidadanía, vólvese desbaldimento de recursos públicos para solaz dunha caste política que vive de cóstas ás necesidades reais do pobo.

Relacionados