Para o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes constitúe unha desfachatez que o PP coruñés fale de honradez e transparencia en pleno caso Bárcenas e logo do acontecido cos dous alcaldes de Santiago así como outro tipo de corruptelas que obrigaron a dimitir a alcaldes galegos ou o propio exsecretario de organización, Pablo Crespo, imputado no caso Gürtel.
Esquerda Unida considera un insulto á cidadanía que o Sr. Negreira insinúe que o PP xera felicidade cando coas súas políticas está a facer sufrir ao pobo como nunca antes o fixo outro goberno. Como se pode facer semellante insinuación cando por mor das políticas do PP, tanto do goberno central como da Xunta, atopámonos con 6 millóns de persoas desempregadas e mesmo na Coruña dende que chegou Negreria a María Pita o paro incrementouse un 22,5%, con 4.500 novos dramas familiares. Efectivamente o PP obedecendo fielmente ás políticas neoliberais da Troika non so é incapaz de xerar emprego, senón que coas súas políticas de austeridade están a incentivar a redución do consumo, asfixiando ao tecido produtivo e xerando desemprego. Mentres que por outra banda está a desmontar o estado do benestar, recortando en ensino, sanidade, servizos sociais e privatizando todo o público para entregalo aos aos banqueiros, e os poderosos.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “esta xente vive tan afastada da realidade que falan de non camiñar solos, cando a cidadanía lles da a as costas masivamente e os ve como un dos maiores problemas do país”, así o indican os datos do CIS de xaneiro con enquisas desenvolvidas antes de saltar o caso Bárcenas, nos que o PP ven de perder cinco puntos de vantaxe e os partidos políticos, representados principalmente polo bipartidismo, son o terceiro problema da cidadanía logo do desemprego e a situación económica, mentres que o carto problema o supón a corrupción. Na Galiza a cidadanía, segundo a enquisa de sondaxe, ven de castigar ao PP cunha baixada de tres puntos e medio o que suporía a perda de 5 deputados e a súa maioría absoluta.