O PP e o fomento do uso de coche

Calquera cidade moderna aspira a acadar unha mobilidade universal e sostíbel baseada na utilización dun transporte público colectivo de calidade, eficiente e económico para que a cidadanía faga un uso masivo del, reducindo así o número de automóbiles privados que circulan polas súas rúas, isto non acontece na Coruña.

Esquerda Unida considera que o goberno municipal está a fomentar a utilización dos automóbiles privados, debido ás súas erráticas políticas en canto á mobilidade e á súa desidia para co transporte público colectivo como o demostra o feito da retirada do carril-bus, a súa negativa a sentarse a dialogar coa compañía de transportes para promover a redución das tarifas do bus ou a súa incapacidade para desenvolver un plan de mobilidade participado polos diversos axentes socias coruñeses, así nin tan sequera aceptou a constitución do Consello da Mobilidade como órgano participativo, a cambio encarga mediante concurso internacional millonario o desenvolvemento dun plan de mobilidade cunha carencia de prazos que lle evita ter que executalo durante o seu mandato esquivando así a súa responsabilidade e obviando todos os traballos existentes na actualidade, algúns de grande calidade desenvolvidos por técnicos e especialistas locais que obviamente coñecen moito mellor a problemática e as peculiaridades da Coruña e os seus habitantes que calquera técnico foráneo.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia a falta de mantemento nas instalacións relacionadas co transporte público colectivo como os sistemas de avisos nas paradas, así por exemplo o sistema de avisos na parada 63 da Torre leva case tres meses sen funcionar e o Concello apesares de recibir as queixas da veciñanza nada fixo por arranxar o problema, nunha actitude que semella falta de interese e preocupación polas necesidades das familias traballadoras que usan  o bus.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “é lamentábel observar como os nosos gobernantes en lugar de xestionar con eficiencia dedícanse a insultar á oposición, pídolle ao PP unha actitude construtiva dende o goberno, igual que Esquerda Unida a ten dende a oposición. Non entendo onde está a irresponsabilidade que ve o goberno local en solicitar que o goberno municipal negocie, polo ben dos coruñeses e coruñesas, coa compañía de Tranvías unha baixada de tarifas nestes momentos de crise logo das subvencións que recibe do Concello e os enormes beneficios obtidos pola concesionaria por desenvolver un servizo público debido a un inxusto contrato asinado en épocas dos gobernos do PSOE de Paco Vázquez, claramente beneficioso para a empresa e lesivo para a cidadanía coruñesa”.

 

 

Relacionados