A coordinadora nacional de Esquerda Unida Yolanda Díaz manifesta que “Ferrol precisa carga de traballo, non tela pon de manifesto a incapacidade total dun goberno que non é quen de velar pola cidadanía e que pretende gobernar con promesas”, continúa, “é motivo de dimisión que un goberno engane abertamente á cidadanía dando por certos acordos que non existen e xogando así co traballo e esperanza de moita xente”.
Xa van máis de 2 anos que Feijóo paseou o país alardeando de contratos con Pemex, contratos que resultaron ser unha farsa.O compromiso adquirido dende o goberno da Xunta con dotar ao asteleiro de carga de traballo, responde unha vez máis a que as promesas de Feijóo son un brindis ao sol. A esta liturxia do engano tamén se suma o conselleiro de economía e industria que neste último pleno do parlamento de Galicia, deu en dicir que o flotel se construiría en Ferrol, tan só uns días despois se confirma que o PP minte de novo.
Dende Esquerda Unida consideramos que a situación do naval público en Ferrol responde a unha estratexia orquestada para desmantelar o asteleiro público e rematar coa vida dunha comarca castigada polas consecuencias das políticas de destrución masiva que está a aplicar o PP dende Rajoy ata Feijóo sen esquecer a Rey Varela. O obxectivo do Partido Popular é privatizar todo.
A mobilización continúa e dende Esquerda Unida queremos manifestar o apoio aos milleiros de traballadores que non van a permitir que se lles prive de pan, traballo e teito.