O PP pon en risco o marisqueo

O deputado de AGE critica a actitude da Xunta de Galicia que unha vez máis sae na defensa das grandes multinacionais e abandona aos mariscadores e mariscadoras do noso país.

Santiago de Compostela, 24 xaneiro de 2013.- Juan Manuel Fajardo, lamenta a reacción da Xunta de Galicia saíndo á defensa das grandes empresas multinacionais e non dos mariscadores e mariscadoras que están a denunciar os enormes danos nos bancos de marisco que están a provocar as riadas a causa da apertura dos encoros por parte das eléctricas.

“A Xunta unha vez máis deixou claro cales son os seus intereses defendendo as grandes multinacionais eléctricas se poñer nin por un momento en dúbida os danos que provocan e asumindo o custe medioambiental sen cuestionar nada mentres para os mariscadores e mariscadoras todo son problemas” lamentou o deputado de AGE.

Juan Manuel Fajardo asegura que as declaracións do PPdeG e responsable de pesca do grupo parlamentario, José Manuel Balseiro, nas que aseguraba que non existía relación entre a mortalidade de moluscos nas rías e as apertura de encoros, o inhabilitan directamente para exercer o seu posto.

O deputado de AGE acusou ao PP de mentir á cidadanía ao empregar á seguridade para xustificar a apertura dos encoros xa que explicou que a apertura dos encoros do Tambre e de Portodemouros do mes de decembro produciuse tendo un 25 por cento menos de agua encorada que a que ten agora mesmo, e non se  abren as comportas”. Fajardo considera “moita casualidade” que as aperturas teñan lugar sempre antes de datas sinaladas nas que se incrementa o consumo de electricidade como o 24 e 25 de decembro ou o día 31 e animou ao PP a mirar o prezo ao que se vende a enerxía eses días para comprobar o favorable que resultan algunhas datas para as compañías eléctricas.

Por último, Fajardo, lamentou a imprudencia do deputado do PP que o acusaba de presentar iniciativas sobre este asunto “incluso antes de falar co sector” xa que Alternativa Galega de Esquerda mantén un contacto directo cos traballadores e traballadoras e a iniciativa presentouse despois de manter decenas de reunións co sector, a última de feito tivo lugar o martes desta mesma semana.

 

 

 

Relacionados