O presidente de Portos de Galicia

O deputado Juan Manuel Fajardo de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixiu a inmediata dimisión do presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán Hérmida, despois de se demostrar que mentiu o pasado 24 de outubro en sede parlamentar ao asegurar que as etapas da Volta ciclista a España non tiveran custe algún para o ente público engadindo incluso que a Consellería de Medio Rural e Mar tampouco fixera ningún tipo de achega económica.

O deputado de AGE preguntou directamente o presidente de Portos de Galicia o pasado 24 de outubro na Comisión 2ª polo custo das horas extra que se lle pagara a persoal do ente público por traballar para este evento, obtendo a negación como resposta por parte do presidente que asegurou que Portos non fixera obra algunha nin fixera ningún tipo de achega económica. Na réplica Juan Manuel Fajardo volveu a insistir preguntando se para o presidente de Portos de Galicia o pago de horas extra a persoal do seu departamento non o contabilizaba como un gasto e Durán Hermida reafirmouse na súa resposta. Hoxe na comisión 8ª, o secretario xeral técnico da Consellería de Medio Rural e Mar, Alfonso García Magariños, admitiu contradicindo as palabras do presidente de Portos, un pago de 6.400 euros en concepto de horas extra á persoal do ente público o que desmonta a declaración de José Juan Durán e demostra que mentiu na súa última comparecencia no Parlamento de Galicia. Concretamente o secretario xeral afirmou que Portos de Galicia, segundo datos que lle enviarán desde o propio ente público, efectivamente pagaron 6.400 euros en concepto de horas extra a sete traballadores do ente público.

O deputado de AGE Juan Manuel Fajardo considerou totalmente inadmisible a actitude do presidente de Portos de Galicia ao se atrever sen pudor algún a mentir no relativo ao gasto desenvolvemento das etapas da Volta ciclista a España en Galicia xa que ao grupo parlamentar lle consta o pago de 12.000 euros en concepto de horas extra para traballadores de Portos de Galicia e que ademais  tras a presentación da pregunta de AGE para o presidente do ente público tivo lugar un cambio do concepto do gasto pasando de aparecer como horas extra a gratificacións por evento. A situación agrávase ao engadir o feito de que entre os oito operarios aos que se lles pagaron estas horas extra consta un asesor do presidente do ente público o que motivou que o deputado de AGE preguntase tamén polos criterios de selección que se seguiron para a elección deste traballadores.

Ante as mentiras do presidente e as manobras de cambio de conceptos na contía sinalada, o grupo de AGE presentou unha nova pregunta dando unha nova oportunidade a Duran Hermida para explicar con claridade o acontecido coa celebración das etapas da Volta España en Vilanova de Arousa, o custe e os criterios que se empregaron para designar o persoal para estes traballos. Sorprendentemente en lugar de acudir o presidente de Portos, compareceu na súa representación o secretario xeral quen cos datos aportados na súa intervención deixou en total evidencia a Durán Hermida e constatou as súas mentiras.

Por todo isto, o deputado de AGE Juan Manuel Fajardo solicitou na propia comisión parlamentar a inmediata dimisión de Durán Hermida xa que é totalmente inadmisible que o presidente de Portos de Galicia pense que pode mentir conscientemente en sede parlamentar sen asumir as consecuencias que por dignidade e respecto ao Parlamento e polo tanto a todos os galegos e galegas debe ter un feito tan grave.

Relacionados