O prezo do leite

O grupo parlamentario apoia as demandas das organizacións agrarias e considera que, se o Goberno español non atende a elas, será “unha fraude, unha vez máis, ao sector lácteo galego”.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2013.- A lei de calidade da cadea agroalimentaria que está a elaborar o Goberno español debe incluír, necesariamente, o custe de produción do leite. E a partir desa cifra, na mencionada lei tamén debe constar a obriga de vender o produto por riba dese custe. Esta é unha das principais demandas que as organizacións agrarias obrigaron a asumir á Xunta de Galicia e que esta se comprometeu a trasladar ao Executivo de Mariano Rajoy. Alternativa Galega de Esquerda (AGE) súmase ás reivindicacións dos produtores de leite e esixe ao señor Núñez Feijóo que “cumpra os seus compromisos cos sindicatos agrarios”. Só en 2012 pecharon 1.740 explotacións de gando vacún, case 800 dedicadas á produción de leite.

“As reclamacións de gandeiros e gandeiras son xustas e só necesitan que os gobernos lles dean, no que a fixación de prezos se refire, un tratamento análogo ao que lles dan, por exemplo, ás grandes compañías enerxéticas”, considera o deputado de AGE Antón Sánchez, portavoz da área de Medio Rural, “porque os gobernos, ademais, deberan defender, como o sector primordial que é, aos que producen alimentos”. Alternativa é partidaria da soberanía alimentaria de Galicia e considera, en palabras de Sánchez, que “o dereito deste país á produción suficiente en cantidade e calidade de alimentos depende de que os labregos e labregas reciban un prezo xusto pola súa produción”.

Relacionados