Ferrocarril público, social e sostible

En canto aos datos do paro levado a cabo o pasado día 3 de agosto, ante a queixa dos sindicatos polos elevados servizos mínimos estipulados polo Goberno, o seguimento da folga foi secundada polo 95% dos traballadores e nalgunhas localidades acadou o 100% (segundo datos de CC.OO. e S.F.).

Esquerda Unida alerta da consecuente desaparición de liñas de ferrocarril ante a privatización do sector. Ante o avance continuo cara o desmantelamento do sector público e en concreto do ferroviario, os traballadores téñeno claro, a protesta é contra a privatización de servizos ferroviarios e contra a supresión de liñas deficitarias. Segundo G.San Juan, secretario provincial de CC.OO.no sector ferroviario de Ourense, alerta de que “cando entren as medidas do real decreto do goberno, as liñas ferroviarias de A Coruña/Ferrol, A Coruña/Lugo-Monforte, a de Ourense/Puebla de Sanabria e Ourense/Carballiño/Lalín e Santiago corren o risco de perderen servizos ou inclusive de seren suprimidas”.

A coordinadora e candidata á Xunta de Galicia, Yolanda Díaz, considera que “a liberalización do sector ferroviario leva consigo unha perda de servizos  xa que as empresas só se farán cargo dos tramos máis rendibles economicamente”. A privatización, é a folla de ruta deste goberno do PP que tanto Rajoy coma Feijoo non teñen dúbida en aplicar a costa da perda de servizos para toda a cidadanía. Esta medida de liberalización do ferrocarril nunca será para beneficio dos usuarios, non hai máis ver o que aconteceu coa liberalización das eléctrica, da telefonía, dos carburantes… atopámonos ante a desaparición dun servizo que pasará a converterse nun transporte para quen poida pagalo, perdendo totalmente a súa función social.

A executiva nacional de Esquerda Unida manifesta a importancia do sector público como un dereito social. Apostamos por un modelo alternativo de servizos públicos como garante dos dereitos dunha sociedade máis solidaria e igualitaria, denfedemos unha empresa ferroviaria pública, garante do artellamento do noso país, unha modernización do ferrocarril que non se vexa reducida á conexión de  AVE con Madrid, que potencie a actividade ferroviaria industrial, precisamos dunha rede de trens de proximidade e dar alternativas ás poboacións abandoadas polo desmantelamento de vías e instalacións.

Por todo isto, Esquerda Unida seguirá apoiando as mobilizacións reivindicativas en defensa dun tren galego que gañe un espazo como medio de transporte público, social, seguro e sostible.

Relacionados