Así, a Consellería de Traballo está a denegar a prestación por desemprego a persoas que despois de traballar nun sector durante anos pero sen chegar a acadar o tempo suficiente como para acceder a esta prestación logran completar este requisito con outro contrato laboral pero noutro sector distinto, a consellería de Traballo denégalles a prestación en base a que o último emprego e diferente aos anteriores acusándoos de tentar defraudar para cobrar a prestación de desemprego.
Ante esta situación, o deputado Juan Manuel Fajardo lamentou que a Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, estea máis preocupada por perseguir os traballadores e os máis desfavorecidos que en loitar contra as tráxicas cifras de desemprego no noso país. A falla de acción por parte da Xunta de Galicia de superar a situación na que nos atopamos escudándose tras continuas mentiras repetidas unha e outra vez o único que agocha é o verdadeiro obxectivo do goberno galego que no é outro que é defender os intereses dos seus amigos e facer medrar os seus beneficios a costa de atacar e afundir cada vez máis a maioría social do noso país. Unha aposta pola teoría dos tres terzos que leva a que un teña que vivir na miseria para que outros tres se repartan a parte do pastel que lle tocaría.
O deputado de AGE asegurou que o goberno galego persiste en aplicar unha política de emprego e benestar igual que o ano anterior e que os datos demostran que é errada xa que dende setembro do ano anterior o desemprego medrou en 1.360 persoas. Pero o que é máis grave, afondouse na brecha da desigualdade xa que namentres temos tres galegos entre os máis ricos do Estado, temos 1 de cada 4 en situación de pobreza. Proba do fracaso da política do PP é que tiveron que incrementar a RISGA porque cada día hai máis xente en exclusión social. “No só finxen os orgasmos senón que repiten as posturas. As mesmas posturas políticas que levan a Galicia a ruína” lamentou Fajardo quen asegurou que “non hai peor político que o que non quere mirar a realidade” convidando á conselleira Beatriz Mato a repetir súa análise sobre os orzamentos e as políticas que están a levar a cabo o carón do colector de calquera supermercado onde a xente se arremuíña para acadar comida. “A súa política provoca máis miseria e máis desemprego” sentenciou Fajardo.
O deputado de AGE destacou a redución dun 9 por cento no orzamento para políticas activas de emprego mentres en Galicia a destrución de emprego no deixa de medrar. En formación para desempregados reducen 5 millóns de euros e do orzamento do pasado ano só executou un terzo do mesmo. Así mesmo, Fajardo preguntou a Conselleira pola partida de 1.800 millóns de euros procedentes de Europa que Galicia tiña que recoller para o plan de emprego para mocidade. Reducen 8 millóns de euros nos plans de emprego das corporacións locais sendo ademais o plan de emprego a elaboración de talleres de construción, de xardinería, carpintería… todo sectores onde a posibilidade laboral é mínima o que fai pensar que o obxectivo destes obradoiros é tapar as miserias dos alcaldes para lles arranxar gratis os problemas dos seus concellos.
Ante esta falla de acción e interese por parte da Xunta para loitar contra o desemprego, poderíase entender que a Consellería de Traballo e Benestar centra os seus esforzos en mellorar os servizos sociais pero a realidade novamente demostra que non é así senón todo o contrario. A nova lei de inclusión social de Galicia deixa fora a menores de 26 anos, inmigrantes e maiores de 61 anos deixando unha parte moi importante da nosa cidadanía fora de toda axuda, condenados a vivir na máis profunda miseria.
En Galicia hai 430.000 persoas en risco de pobreza segundo a taxa xenérica que mide este risco e máis de 600.000 se empregamos os parámetros da UE para esta medición, uns datos que o Partido Popular os atallan con 7 millóns de euros máis para a RISGA namentres conxelan as transferencias a corporacións locais, plan de loita contra a pobreza, as axudas a emerxencias, axudas a bancos de alimentos, plan concertado dos concellos, axudas ás familias, as organizacións xuvenís…
O deputado de AGE advertiu que a acción de goberno tecida entorno a unha trama de mentiras non é saudable e ten consecuencias psíquicas e físicas polo que recomendou aos membros do goberno galego que abandonen esa estratexia xa que “mentir sempre é consecuencia dunha patoloxía e no caso do Partido Popular nace da imposibilidade de se enfrontar a unha situación”.