O SERGAS ten aos curas en nómina

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2013.- O Servizo Galego de Saúde (Sergas) sufraga directamente o salario de máis de cincuenta cregos católicos que, malia que a Constitución garante a aconfesionalidade do Estado, prestan os seus servizos nos hospitais públicos. Alternativa Galega de Esquerda (AGE) quere rematar con estes privilexios e para iso, nunha proposición non de lei presentada pola deputada Eva Solla, esixe da Xunta que os capeláns deixen de ser persoal asalariado do Sergas e, daquela, deixen tamén de percibir un salario público. Ademais, deben desaparecer “os privilexios de calquera tipo para calquera relixión na sanidade pública”.

“A Constitución garante a aconfesionalidade do Estado e a liberdade ideolóxica e de culto”, sinala Solla na argumentación da proposta, “e o Estatuto de Galicia estabelécese conforme á Constitución. Polo tanto, non cabe ningún trato de favor cara á Igrexa católica nin cara a calquera outra relixión”. Os 800.000 euros anuais que a Consellaría de Sanidade destina a pagar servizos relixiosos católicos deben ser encamiñados a outras necesidades da medicina pública e o Goberno galego debe garantir –así contsa no texto da proposición non de lei de AGE- “a liberdade de culto no Sergas. “Para iso, as chamadas ‘capelas’ dos hospitais pasen a servir calquera relixión ou crenza non relixiosa que as precisa para dar servizo aos doentes”, conclúe a parlamentaria Eva Solla.

 

Relacionados