O veto de Pilar Rojo

Os tres grupos denuncian o “secuestro” do Parlamento e afirman que buscarán “unha fórmula para que isto se visualice na Cámara”.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2013.- Os tres grupos da oposición anunciaron esta mañá “unha resposta forte e contundente” á decisión da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, de prohibir a asistencia de convidados ao pleno de debate de Orzamentos de mañá. “Os tres grupos actuaremos en consecuencia e defenderemos os cidadáns que sofren a dureza das políticas da dereita”, expuxeron, a través do portavoz do PSdeG, Abel Losada, “e buscaremos unha fórmula para que isto se visualice no debate de mañá”.

Segundo expresou Losada, os grupos da oposición entenden que “esta especie de estado de sitio parlamentario” introducido por Pilar Rojo o único que pretende é que non se visualicen na Cámara as “consecuencias dramáticas das políticas do Partido Popular na rúa”. Algo que vai en contra da participación dos cidadáns na vida política e do dereito a defender lexitimamente os seus intereses. A oposición esixe unha rectificación da presidenta do Parlamento, para o que ten tempo ata a Mesa que se celebrará mañá, antes do pleno de Orzamentos. “Rexeitamos calquera intento de antepor os intereses de partido, do Partido Popular en concreto, aos dos cidadáns”, concluíu Losada.

Para o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, a decisión da presidenta do Parlamento de vetar a entrada de convidados polos partidos da oposición significa unha “extralimitación” e “un afloramento do seu subconsciente: para eles ou os cidadáns son do PP ou senón son inimigos”. “A señora Rojo está a converter o Parlamento nun castelo kafkián porque non sabe o que é a democracia”, engadiu, “e adopta esta medida de despotismo sen ilustración como se fose a directora dun reformatorio e non dunha Cámara de representantes da soberanía popular”.

Pola súa parte, o portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, insistiu en que por moi respectuoso que se sexa coas maiorías decididas pola sociedade iso non significa que o Parlamento sexa propiedade do PP. “É propiedade do pobo galego e o PP, con esta medida, quere secuestrar a Cámara”, afirmou. “Estamos”, subliñou, “ante unha nova mostra do sometemento do Parlamento aos dictados do Executivo, pois é evidente que Pilar Rojo actuou seguindo instruccións do Partido Popular e, en particular, do señor Feijóo, por iso ten que asumir a súa responsabilidade institucional e rectificar”. Jorquera asegurou que con esta medida “autoritaria” o PP o único que consegue é afondar máis na brecha que hai aberta entre institucións e cidadáns.

Relacionados