O vindeiro curso, sen relixión

Perante a inminente apertura do prazo de matrícula para o vindeiro curso escolar nas etapas de infantil e primaria, e posteriormente da educación secundaria, a Área de Educación de Esquerda Unida inicia esta semana unha campaña informativa na que anima ás familias do alumnado galego a non matricular aos seus fillos e fillas na área de relixión optando pola asignatura de “Valores Sociais e Cívicos”.

Esquerda Unida denuncia que a Xunta manteña orzamentos relativos á educación relixiosa cando a demanda da materia ten diminuído un 40% nos últimos 10 anos.

Esquerda Unida reitera así a súa aposta por unha educación de carácter científico e laico na que a educación relixiosa (pertencente ao ámbito privado de cada persoa) sexa excluída do ámbito escolar. Xa que as distintas lexislacións educativas non foron quen de adoptar esta medida progresista (moito menos o ía facer a LOMCE) Esquerda Unida anima ás familias a non cursar esta asignatura.

Á Área de Educación de Esquerda Unida, considera así mesmo tremendamente retrógrado e adoutrinador o currículo da asignatura de relixión para a educación primaria na LOMCE e denuncia como o goberno da Xunta de Galicia está a privilexiar a ensinanza relixiosa ao manter, dentro dun escenario de feroces recortes, os orzamentos anuais da mesma (28 millóns de euros en 2015) para unha asignatura cuxa demanda ten diminuído un 40% nos últimos 10 anos.

Relacionados