Alternativa Galega de Esquerda (AGE) presentou unha Proposición Non de Lei no Parlamento na que se insta á Xunta á ultimar de xeito inmediato o proceso de legalización da fundación da Obra Social das antigas caixas de aforros. Será a maneira de dar remate á prolongada situación de interinidade -de case dun ano- e de disolver a comisión xestora. Logo será o intre de escoller e constituír o Padroado. O voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, alertou en rolda de prensa da situación de ilegalidade na que se atopa actualmente a fundación. Non se depositaron os estatutos e non está inscrita no rexistro de fundacións da Xunta. O órgano non ten, polo tanto, personalidade xurídica como fundación e, de feito, a caixa segue inscrita no Rexistro Mercantil da Coruña como Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense e Pontevedra. É dicir, “a Caixa non deixou de existir, simplemente a Xunta disolveu os seus órganos de goberno. Pero a Fundación aínda non existe, non ten estatutos nin Padroado”, explicou Xosé Manuel Beiras.
A esta situación de ilegalidade súmase que a comisión xestora está a tomar unha serie de decisións que exceden as súas competencias, porque está en funcións e non está autorizada a tomar determinadas decisións, ilegais e que poden ser anuladas. Neste sentido, Beiras asegurou que existen indicios fundados de que se está aproveitar esta interinidade, caracterizada por unha absoluta falla de transparencia, para levar adiante o mesmo que se fixo con Caja Madrid. Nesta entidade foi a propia comisión xestora a que nomeou aos membros do Padroado e fixo así un órgano a medida de quen quere controlar sen transparencia a actividade da Fundación. A Alternativa Galega de Esquerda cónstalle a existencia dun encargo a un coñecido escritorio de avogados dun informe para xustificar este procedemento anómalo.
Outras das irregularidades denunciadas polo voceiro de AGE céntrase no intento de espolio de determinadas áreas clave no futuro da Fundación e para o mantemento do emprego da antiga obra social. Por exemplo, a venda das Escolas de Negocios, que xa por dúas veces os representantes do persoal paralizaron mediante o envío de burofaxes remitidos aos membros do Consello de Administración da Antiga Caixa de Aforros e ao propio presidente da Xunta. Neste documento, os representantes dos traballadores denunciaban o plan que tentaba aprobar a comisión xestora e que incluía o peche desta escola, con supresión do persoal e co traslado da súa actividade ás instalacións da Cámara de Comercio da Coruña. O director xeral desta Cámara, Gonzalo Ortiz, é casualmente membro da comisión xestora. Beiras lembrou que a comisión xestora non está capacitada legalmente para tomar este tipo de decisións e explicou que, a maiores, resulta que un dos membros da xestora, Pilar Cibrán, presentou en marzo a súa dimisión por burofax. Esta renuncia ocúltase aos representantes do persoal da obra social e non se publicou no DOGA, como é preceptivo. “A xestora é interina, pero está actuando para eliminar postos de traballo, reducir os dereitos e empeorar as condicións dos que quedan” denunciou Xosé Manuel Beiras.
Por todo isto, Alternativa Galega de Esquerda presentou unha Proposición non de Lei na que se insta a Xunta a que se legalice de xeito inmediato a Fundación, se disolva a comisión xestora e se elixa e constitúa un Padroado que inclúa como membros a representantes das antigas entidades fundadoras das Caixas, de todos os grupos políticos con representación no Parlamento, e polo menos a dous representantes do cadro de persoal. Así mesmo, ese Padroado debe ser profesional, e debe escoller persoas de valía nos consellos de administración das antigas caixas. Mentres non estea constituído o Padroado, Alternativa Galega de Esquerda esixe que a comisión xestora se limite estritamente ás funcións de xestión ordinaria en situación de interinidade e que se acheguen as actas desta comisión aos grupos parlamentares e que estes poidan coñecer e analizar as decisións adoptadas neste período.





