Obradoiro de emprego

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que a cuarta fase de renovación do paseo podería realizarse mediante un obradoiro de emprego de 100 persoas durante medio ano en lugar de limitarse a contratar a empresas que non achegan beneficios sociais A Coruña. Semella necesario converter as actuacións municipais en oportunidades para os coruñeses e coruñesas, a creación dun obradoiro de emprego non so permitiría capacitar a persoas desempregadas, senón que se lles brindaría unha posibilidade de achegar cartos as castigadas economías familiares que disporían de máis recursos o que incentivaría o consumo interno, axudando a reactivar a economía local.

Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal renuncia a dar oportunidades aos desempregados coruñeses, mantendo a súa política de beneficiar as empresas construtoras mediante a contratación de obras polo pouco ético procedemento negociado, en lugar de buscar solucións alternativas que beneficien á maioría social agredida, transformando gasto innecesarios en investimento social, pois mediante un obradoiro de emprego non so se acadaría unha nova imaxe en parte do paseo marítimo, senón que a actuación serviría tamén para mellorar a situación económica de moitas familias coruñesas.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “trátase de vontade política, nós apostamos pola maioría social coruñesa mediante de obradoiros de emprego, o PP polas grandes empresas a través de contratacións por procedemento negociado”.

César Santiso subliñou que “con este tipo de iniciativas o concello pode converter gastos innecesarios nestes momentos de crise, en investimento social que incida positivamente na economía coruñesa, en lugar de agasallar con cartos a grandes empresas que en contadas ocasións invisten os seus beneficios na Coruña. Non cabe dúbida que os cartos que reciben os coruñeses e coruñesas participantes nun obradoiro de emprego local, reverten integramente na economía da cidade, pechando así o ciclo económico local”.

Relacionados