Durante as semanas pasadas presentamos os alicerces fundamentais nos que sustentan as medidas encamiñadas a promover o cambio de modelo produtivo local en relación cos investimentos, hoxe veremos como se pode incidir dende os gastos que ten que desenvolver o concello para o mantemento e funcionamento da cidade.
Esquerda Unida propón a creación dunha oficina centralizada de compras e contratacións para aplicar criterios de sustentabilidade social e medioambiental ao tempo que permita un importante aforro económico ao concello mediante unha exhaustiva planificación de compras e concesión de servizos. Cabe subliñar que a cantidade de orzamento no 2013 para o funcionamento da cidade alcanza os 101 millóns de euros e até o de agora nunca se utilizou como ferramenta política apesares da importante repercusión que ten na economía municipal pois representa preto do 40% do orzamento.
EU considera que cunha correcta planificación das compras e servizos, xunto coa definición de requisitos nos pregos de condicións tendentes a promover a potenciar clusters empresariais locais, pódese incidir profundamente na reactivación da economía coruñesa e favorecer o cambio do modelo produtivo local, asemade de mellorar os servizos á cidadanía e producir un importante aforro que permita realizar novos investimentos para promover unha maior competititvade do noso tecido produtivo o que suporá creación de emprego.
Para o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes as contratacións deben estar baixo a supervisión dun grupo de expertos en economía do ben común, RSC, sustentabilidade medioambiental e cumio do petróleo que en coordinación co servizo de contratación e os técnicos de cada departamento demandante, exploren todas as posibilidades que permite a Lei de Contratos do Sector Público para que o propio mantemento dos servizos necesarios na cidade, incidan positivamente sobre a economía local.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “apostamos por aplicar todos os criterios de Responsabilidade Social Corporativa que a lei permita nas compras e contratacións do concello”.