“Semella que hai moito de obediencia acrítica no anuncio do peche da oficina de turismo municipal, cando o que cómpre é achar recursos fóra como fixeramos entón para constituír a empresa”, sinala Yolanda Díaz.
O Grupo Municipal quere salientar o salto cualitativo no peso, importancia e no orzamento investido que supuxeron a empresa, os estudos e a oficina de turismo no mandato anterior; todas estas iniciativas foron parte dunha acción planificada e autónoma de cando se lanzou a empresa municipal de turismo, se elaboraron os estudos para desenvolver unha acción mixta pública-privada planificada, iniciativas da cal a oficina de turismo formaba parte do proceso de despegue dunha acción pública no eido do turismo. Esquerda Unida marcou esa dirección en materia de turismo pola notable importancia que este sector pode supor para o futuro da cidade.
A oficina é xunto coa empresa municipal de turismo a ferramenta primeira que o Goberno Municipal, no tempo fugaz de 2007-08 marcou na dirección de avance, e que agora este Goberno Municipal tamén desfai. Cada día suman un pau máis á cidade como brigada de demolición. Semella que o seu programa sexa tumbar as iniciativas do mandato anterior, sexan boas ou malas. A oficina indica unha marca e un compromiso que o moi numeroso e satisfeito público usuario avala.
Pedimos unha reflexión municipal autónoma, non demediada polos intereses da Deputación; pedimos que se optimice o investimento realizado e se potencie, porque Esquerda Unida sabe do valor ad futurum dos traballos consolidados, como é o caso da oficina, en materia de turismo.