eu.gif - 5.78 Kb

Oneroso catolicismo do 25 de xullo

 

A Executiva Nacional de Esquerda Unida denuncia a pervivencia do nacional-catolicismo nos actos oficiais da ofrenda ao apóstolo. Un ano máis o país oficial, ese que non semella sufrir os efectos da crise, do secuestro dos nosos dereitos e dos recortes dos servizos públicos, da rendición diante de banqueiros e defraudadores, prepara un acto de boato para render culto católico e facelo sen reparar nos gastos. Semella imposible non ler este acto público e oficial – refrendado polo presidente do goberno central en aplicación do artigo 64 da Constitución – como unha recidiva do nacional-catolicismo, que segue a pesar negativamente sobre os dereitos da nosa cidadanía a vivir nun Estado aconfesional.

 

 

O acto público, de carácter oficial, contradí de xeito flagrante a aconfesionalidade que o texto constitucional do ano 78 mandata. Esquerda Unida reclama saber se tamén neste caso os preceptos constitucionais non son máis que palabras baleiras que as propias autoridades públicas, responsables de facelos cumprir, ignoran e desmenten cunha onerosa práctica confesional católica. Son xa demasiados os artigos constitucionais vulnerados polas políticas dos gobernos do PP.

 

Esquerda Unida-Os Verdes esixe á Xunta que faga público o custe da cerimonia. Canto custa o cerimonial público do 25 de xullo, preguntámonos. Desprazamentos, aloxamentos, dietas, seguridade… o custo desta actividade pública, a cidadanía temos dereito a coñecer canto nos custa. E, segundo nos ampara a Constitución, temos dereito a que semellante exercicio nacional-catolicista abandone o ámbito oficial, e sen o concurso das autoridades e dos recursos públicos. 

 

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz reclama “transparencia acerca dos gastos desta ceremonia inútil e convida ás demáis forzas políticas a non participar en dita celebración”. Sen base científica algunha, e provocando unha agresión sobre o desmentido principio de aconfesionalidade, sen esquecer o custo económico engadido, Esquerda Unida rexeita esta acción pública de carácter confesional e chama aos grupos políticos con representación parlamentaria a defender o laicismo mediante a denuncia e non asistencia a esta actividade.

 

Desgrazadamente o paro non vai diminuír por pedirlle cunha oración ao apóstolo, e os consellos que se piden adoitan non seren respondidos, nin coas fórmulas ambiguas dos vellos oráculos clásicos.

 

 

Esquerda Unida entende que sería ben aforrar este gasto  para adicalo a outras actividades de interese social, que axuden aos galegos e galegas que se atopan baixo o limiar da pobreza. Sería esta unha práctica máis evanxélica que a cerimonia  de pompa e boato que nos van ofrecer televisada eses poderes fácticos que se resisten a abandonar os seus privilexios: caso dunha monarquía contaminada de relacións económicas contrarias ás esixencias de servizo público de todos os maxistrados da res publica, ou dunha xerarquía eclesiástica alonxada dos ditados evanxélicos.

Relacionados