“A cidade se defende pensando no interese xeral, non nos intereses de propietarios que deixan causar ruína aos inmobles para especular con eles” sinala Yolanda Díaz.
Esquerda Unida propón actuar en dúas frontes: mediante o desenvolvemento e posta en efectivo funcionamento das ordenanzas aprobadas a instancias do noso Grupo Municipal: Inspección Técnica de Edificios e de Soares, e doutra banda mediante o desenvolvemento do procedemento previsto na Lei de Facendas Locais, que contempla gravar eses inmobles que se atopan baleiros e que somentes serven os intereses espúreos da especulación.
Pedímoslle ao Goberno que se deixe de lerias e de boas palabras e execute as ordenanzas en vigor, a da Inspección Técnica e a de Soares. A nosa cidade histórica require dunha acción inspectora que preveña sinistros e desgracias persoais e poña couto á degradación dos inmobles. Con convenio co COAG ou sen él, o Goberno Municipal ten que reaccionar, porque a frecuencia dos incidentes non vai deixar de medrar a medida que se acentúe o paso do tempo.
Esquerda Unida urxe tamén a elaborar o censo de soares para desta maneira poder pór en funcionamento esta norma destinada a combater a especulación urbanística e a degradación dos inmobles.
Doutra banda, EU requírelle ao Goberno que acometa o desenvolvemento do precepto contido na Lei de Facendas Locais para gravar ao puñado de propietarios que especulan con centos de inmobles baleiros no casco histórico. Po riba do afán de lucro privado se atopan os intereses xerais e o Goberno ten que estar de parte destes”, salientou Yolanda Díaz.