Ordenanzas fiscais

 

O borrador presentado aposta por baixar os impostos ás empresas de telefonía móbil, ou non gravar ao puñado de especuladores que detentan a propiedade de centos de inmobles baleiros e en proceso de degradación na nosa cidade, en particular no centro histórico. Semella unha proposta conservadora, sinala Javier Galán.

 

O noso Grupo Municipal manifesta a vontade de contribuír a fornecer a facenda pública mediante uns instrumentos tributarios baseados na progresividade, a xustiza social derivada de gravar a especulación inmobiliarias e a defensa dos colectivos económicamente máis febles, caso das persoas en paro ou as familias monoparentais, que nun 90% teñen como responsable a unha muller. Esquerda Unida presentará o seu conxunto de proposicións logo da presentación o martes da proposta gubernamental.

 

Na proposta presentada polo Goberno botamos en falla que as bonificacións contempladas para ás familias numerosas non se extendan as familias monoparentais, cuxa situación económica adoita ser fráxil  abondo e que constitúen un espazo onde a inmensa maioría delas as levan adiante mulleres.

 

Non podemos compartir a proposta gubernamental, que non é técnica e si política de rebaixar a tributación das empresas de telefonía móbil. Este gravamen xunto co dos caixeiros automáticos na rúa tense que incrementar na medida que afecta a grandes empresas con beneficios astronómicos e que deben repercutir en mellorar as nosas finanzas e a capcidade de actuación do concello.

 

Dende o noso Grupo botamos en falla que se renuncie a gravar as vivendas baleiras cun gravame extraodinario no IBI e aproveitamos para urxir ao Goberno a elaborar o censo de soares, que permita gravar a especulación cos espazos sen edificar ou que se deixan caer na ruína co obxecto de especular.

 

Pedímoslle ao Goberno que lea e se pronuncie sobre o estudo coordinado por  Rego Veiga feito para este concello, porque del poden saír algunas  propostas interesantes para fornecer a capacidade de autofinanciamento deste concello, ou o que é o mesmo para ter recursos para desenvolver os servizos públicos que precisamos: en particular, unha fiscalidade ecolóxica complementaria, o gravame sobre a publicidade nos elementos de gran formato, ou os posibles ingresos derivados dunha fiscalidade que aposte por un urbanismo sustentable, entre outras. Asemade do incremento na participación nos tributos estatais e da Xunta.

 

 

EU vén achegando anualmente unha proposta de modificación das taxas municipais que tenta dotar de progresividade aos tributos municipais, dado as diferenzas de renda e ingresos das veciñas e vecinos de Ferrol; unha proposta que fai especial fincapé na modificación dos gravames do IBI das vivendas baleiras coas que se especula, algo que de xeito desgrazado podemos contemplar de cote na nosa cidade;  unha proposta para a disciplina urbanística que coute os procesos de degradación e especulación derivados  da consideración da vivenda como  mero valor de cambio e que levou o ano pasado a adopción do rexistro de soares, cuxo censo aínda está por facer; ou unha proposta para fornecer con novas modalidades tributarias e unha ampliación da nosa participación nos ingresos estatais e autonómicos.

 

Nos vindeiros días EU alegará, como vimos facendo todos os anos,  á proposta gubernamental un conxunto de actuacións tendentes a protexer a veciñanza máis feble económicamente, ás familias monoparentais, para implementar unha fiscalidade verde,  e de gravame sobre a especulación urbanística e de vivendas.

Relacionados