Orgullo é servizos sociais

A obsesión polo control do déficit, introducida con “agostidade” e aleivosía na reforma do artigo 135 da Constitución Española, non pode ser unha xustificación para obviar a situación de desamparo á que se aboca a amplos sectores da poboación que dependen destes servizos públicos para a súa subsistencia.

O exemplo do sector de atención á terceira idade, abandonado polos anteriores gobernos e agora en mans das empresas privadas, marca o modelo que o goberno do PP quere implantar no resto de servizos sociais, en conexión cos ataques á educación e á sanidade públicas. Un proceso privatizador que non só non mellora, senón que empeora os servizos e fainos inaccesíbeis para os sectores máis vulnerábeis da poboación. As persoas maiores da comunidade LGTBI, xa de seu invisibilizadas e estigmatizadas, non terán posibilidade de vivir plenamente a última etapa das súas vidas en residencias masificadas, sen apoios específicos e sen programas que contemplen as súas realidades específicas.

Outro tanto ocorre no sector da discapacidade, onde á negación das sexualidades das persoas discapacitadas, máis aínda se non son normativas, e á sobreprotección por parte dos familiares, únense os recortes que os distintos gobernos autonómicos están a realizar nas subvencións aos centros de atención, impedindo o desenvolvemento de plans específicos que permitan o pleno desenvolvemento persoal e a completa integración social das persoas con diversidade funcional. Todo iso conxúgase cunha “lei de dependencia” que naceu lastrada pola falta de orzamento, pero que recibiu a estocada final por parte dos gobernos autonómicos do PP a través da falta de pagamentos que fan que, moitas e moitos dos seus beneficiarios, morran sen recibir as esperadas prestacións.

Só as organizacións de apoio á comunidade LGTBI e aos sectores en risco de exclusión trataron de suplir a neglixencia dos gobernos pasados, mediante a cal o Estado desentendeuse das políticas públicas e deixándoas en mans, a mellor das veces, de entidades sen ánimo de lucro que tiveron que mendigar subvencións, cando non de empresas privadas que reduciron os servizos e aumentado os cobros. Con todo, estas organizacións atópanse hoxe afogadas polos recortes das subvencións públicas ou pola súa falta de pagamento sistemática, correndo o risco de desaparecer. A atención a estes colectivos non pode depender da benevolencia do goberno de quenda, senón que debe ser asegurada pola lei. Non se trata de esmolas, senón de dereitos.

Mais aínda, os concellos, instancias de goberno próximas á cidadanía, que coñecen as necesidades reais da poboación, van ser baleirados dos seus principais competencias polo proxecto de Lei de Reforma da Administración Local, que ademais de profundamente antidemocrática, seguirá recortando en servizos públicos para polos en mans das empresas privadas.

Desde ALEAS-EU unímonos ao clamor popular da marea laranxa para pedir uns servizos sociais públicos, próximos á cidadanía e de calidade, que contemplen a especificidade das e dos membros do colectivo LGTBI, identificando as súas necesidades e xerando os apoios necesarios para que todas e todos, independientemente da nosa orientación sexual ou identidade de xénero, podamos vivir unha vida plena e digna de ser vivida.

Máis info:

http://aleas-eu.blogspot.com.es/

aleas@esquerdaunida.org

 

Relacionados