Orzamento de medio ambiente

Santiago de Compostela, 11 xaneiro de 2013.- Para Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a política da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas “non funciona para os problemas deste país”. Nin o fixo nos anteriores catro anos nin o fará en 2013, á vista do proxecto de Orzamentos de 2013 presentados hoxe en comisión parlamentaria. Así o expuxo o deputado David Fernández Calviño, quen acusou ao responsábel da área, o popular Agustín Hernández, de “pasar por riba do Estatuto de Autonomía e renunciar á comarcalización”.

O parlamentario impugnou o deseño global dos orzamentos da consellería que dirixe Hernández, referiuse á querenza da mesma por favorecer “empresas de amigos e familiares” e denunciou o “uso fraudulento” que esta fai da vixente Lei de Ordenación do Territorio, aprobada en 1995. “É curioso que o seu departamento non teña a palabra ‘ordenación’ no nome e só ‘territorio”, ironizou Fernández Calviño, antes de poñer un exemplo dese uso fraudulento no Concello de Castrelo de Miño: “A consellería fai un plan supramunicipal, pero un plan supramunicipal non se fai para saltar os plans de incidencia municipal e instalar a canteira dun amigo”.

O deputado de Alternativa, ademais de espetarlle cuestións concretas ao conselleiro –“farán o que prometeron co Courel e os Ancares?, terán en conta a balsa de residuos que vai crear a mina de Corcoesto?”-, lembrou á Xunta do PP que o seu proxecto de gasto non inclúe ningunha medida para combater o cambio climático. Ou que as políticas de xestión de residuos defendidas pola dereita gobernamental van “en contra do que se debe facer, porque se debe partir da comarcalización do país”.

“Vostede non falou de medio ambiente en toda a comparecencia”, protestou David Fernández Calviño, “porque, sinceramente, coido que non teñen a ninguén que entenda minimamente destas cuestións”. Por iso, a xuízo de Alternativa Galega de Esquerda, a Xunta tampouco ten un modelo de transporte público que considere a interconexión das comarcas ou a crise do petróleo. “Falan de que debemos evitar o uso abusivo do coche particular, pero non toman unha soa medida para iso e non ofrecen ningunha alternativa”, engadiu.

Relacionados