Orzamentos 2012

 

O Goberno municipal presenta unas liñas xerais aos medios de comunicación cando os Grupos Municipais non temos comunicación algunha dese documento orzamentario. O respecto á representación popular debería pesar no ánimo do Goberno do PP para gardar as formas democráticas.

 

Quizabes sexa o mal cariz que se anuncia van ter os orzamentos o que leve ao actual Goberno Municipal a desbotar as formalidades democráticas e tentar aprobar a toda velocidade – logo de sestear no outono – o proxecto de orzamentos. Cando se anuncia un Pleno extraordinario para o día 26, hoxe sábado día 17 do corrente, os Grupos Municipais o ignoramos todo do vindeiro orzamento. Semella que non teñen intención de pór en común e aceptar achegas dos Grupos Municipais da oposición.

 

Esquerda Unida quere denunciar que os tempos e procedemento que se anuncia semellan ser o prólogo dun trágala de recortes e perda de emprego ao que nos avoca o Partido Popular. Van querer aplicar o guión dos recortes  que ven de Madrid-Bruxelas e o que se anuncia de amortizar unha cincuentena de vacantes vai nese sentido: perda de emprego e polo tanto menor prestación de servizos públicos. Doutra banda queremos advertir que entre as prazas que se van crear 5 semella que serán de libre designación ( esa becha que os populares denuncian na oposición e abusan dela no goberno).

 

A nosa organización presentará a pesares da interesada premura nos prazos unha contraproposta alternativa aos orzamentos do recorte e da perda de emprego que poña a enfase na garantía da prestación dos servizos públicos e sociais, no mantemento do emprego e na aposta polo investimento público como elemento dinamizador, asemade de cruzar estas prioridades coa praxe da participación cidadá, unha das vítimas primeiras dun PP fachendoso da súa victoria electoral.

 

Queremos adiantar a nosa vontade de conformar unha fronte común coas forzas políticas  e sociais da cidade que alentan unha visión alternativa para construír unha fronte común contra este nadal dos recortes que nos queren traer uns falsos reis magos populares.

 

Relacionados