A deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Consuelo Martínez denunciou a estafa dos orzamentos da Consellaría de Economía Industria, cuxo responsábel, Francisco Conde, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia. “Os orzamentos para 2014 son un relatorio de ciencia ficción”, criticou Martínez, “en que a literatura non equivale a investimentos nin en actuacións concretas”. As partidas do departamento, que debera ser un dos motores para contribuír á saída da brutal crise en que Galiza leva anos mergullada, reducíronse un 22,1% respecto ao ano en curso. No Igape, un dos corazóns investidores da Administración pública, a caída excede o 38% .
“Nada nos orzamentos desta consellaría indica que a Xunta aposte por sectores que deberan ser estratéxicos, como o naval, a conserva ou o téxtil”, expuxo Consuelo Martínez. Mentres o país se desangra laboralmente –emigración e un 22% de desemprego-, a Consellaría de Industria reduce o seu funcionamento. “Falan de internacionalización, pero agás publicidade e feiras, pouco máis hai”, engadiu. As axudas en investimento empresarial son un millón de euros menos ca en 2013. Para o sector naval, atrapado nunha situación terríbel, a Xunta do señor Núñez non ten máis ca propaganda barata. “Non hai proxecto para a industria, non hai máis iniciativas para o naval que tres millóns de euros e, de novo, repetidos, cinco millóns para o dique flotante de Ferrol. Cun pouco de sorte para a consellaría”, ironizou, “Ferrol desaparece e xa non ten que facer nada”.
Tampouco o comercio parece preocupar excesivamente ao departamento de Conde, a xulgar polas contas preparadas para o ano que vén.”Afirman que queren favorecer o comercio interior, pero iso, nun exercicio de esquizofrenia política, contradí a súa Lei de Horarios Comerciais”, explicou Martínez, “aprobada só cos votos do PP e coa oposición de todo o comercio de proximidade”. A Xunta considera os grandes centros comerciais comercio de proximidade, co que deturpa o termo só en aras de favorecer a maioristas. Cando non a multinacionais. “Tamén falan da necesidade de incentivar o consumo”, engadiu a deputada de Alternativa, “pero máis alá da propaganda institucional, como van incentivar o consumo dunha poboación empobrecida e nun país onde non se vai crear emprego?”.