Orzamentos ineficaces

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes afirma que dende a chegada ao poder de Negreira o paro incrementouse un 14% en sector primario, 22% en servizos, 6% en industria e 4% en construción. Uns datos que evidencian a enorme crise que está a pasar o comercio e o tecido produtivo coruñés, cuns índices de desemprego moi superiores as do sector da construción.

Esquerda Unida lamenta que o goberno municipal centre de novo o investimento no caduco modelo do ladrillo e o formigón. Mentres que para emprego e turismo destínanse menos de oito millóns de euros, urbanismo quintuplica esta cifra até chegar aos 37 millóns, obviando que para os coruñeses e coruñesas o desemprego é o maior problema, semella que para todos menos para o goberno local da case a mesma importancia á construción do túnel do Parrote como a dar unha saída aos preto de 30.000 desempregados da nosa cidade, así se desprende dos orzamentos do 2013 onde destínanse 1,37 millóns de euros a políticas activas de emprego, por un millón para a construción do innecesario túnel.

Semella inaudito que case a metade do orzamento para reactivar a economía e xerar emprego sexa para turismo, concretamente serán 3,5 millóns os que o Concello transfira ao consorcio de Turismo, cando de todos é coñecido que o retorno económico non compensa ese investimento, asemade o investimento en turismo debe desenvolverse baixo plans e o seu resultado e a longo prazo, mentres que os coruñeses e coruñesas necesitamos solucións inmediatas que pasan pola recuperación do tecido produtivo.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o PP centra a súa actividade de goberno en urbanismo e en festexos a pesar de que preto de 30.000 persoas atópanse en desemprego na Coruña. Con esta actitude o goberno municipal amosa a súa ineptitude e incapacidade para reactivar a economía local e cambiar o modelo produtivo cara un máis sustentábel e menos dependente do petróleo, para xerar emprego. Fai un ano anunciabamos os orzamentos do paro e o tempo deunos a razón con máis de 1.500 persoas engrosaron as listas do paro. Agora anunciamos que serán os orzamentos da ineficacia porque con maior investimento o resultado, en canto a desemprego, será aínda peor.

 

Relacionados