Orzamentos pospetroleo

Nos últimos anos xa comezan a aparecer informes de organismos oficiais alertando do da inminencia e gravidade do Peak Oil, como os de Michael Kumhof, co-co-responsable de modelización económica no FMI e a súa equipa que preveen un escenario de declive
da producción de petróleo crudo de 70 Mb/d a 65 Mb/d en 2035.

A finais do 2011, a mesma Axencia Internacional da Enerxía (AIE) alertou sobre a insustentabilidade do modelo enerxético e fixo un chamamento aos Gobernos para que utilicen mellor os recursos enerxéticos. Afirmando incluso que  acurto prazo o petróleo podería incrementarse cerca dun 50%. A AIE considera ademais necesario multiplicar por catro as axudas ás renovábeis ate o 2035.  Até os informes das empresas dedicadas á especulación financeira, como por exemplo a internacional Tulletpprebon, asumen a caída das fontes de enerxía e o Peak Oil.

Esquerda Unida afirma que non se pode gobernar o concello con políticas continuistas diante do declive da actividade económica. Un declive que desgrazadamente seguirá producíndose debido a crise económica e que profundará aínda máis a crise enerxética en cernes debida ao cénit do petróleo.

Diante desta situación o goberno municipal, en lugar de promover o cambio de modelo produtivo e mellorar o  nivel de resilencia enerxética, tanto da veciñanza como do tecido produtivo local, centra os seus investimentos en obras como o soterramento do tráfico do Parrote unha obra cun custe estimado de 14 millóns, no plan de recuperación de murarllas que será un saco sen fondo, ou no mesmo PEPRI que contempla 16,2 millóns en reurbanización. Todas estas actuacións moi interesantes e desexables noutros tempos, pero a todas luces non procedentes cando hai que priorizar o gasto público.

César Santiso, indicou que “a falta de percepción da realidade do goberno municipal, unido á miopía que lle impide observar o novo horizonte con escaseza de petróleo, levará á ruína á cidade e a pobreza á veciñanza, necesitamos un xiro de 180º á xestión municipal”.

Santiso subliñou que “nun contexto de reestruturación económica xeral tamén debe haber un cambio revolucionario no modo de entender as contas públicas, semella necesario replantexar todos os gastos do Concello excepto os relacionados cos servizos a cidadanía e a reactivación económica, así como reorganizar a administración, alixeirando estruturas para abarcar máis servizos a cidadanía. Reducindo gastos de alcaldía, grupos municipais ou protocolo”.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes aposta por revisar os orzamentos e o nivel de endebedamento do concello en clave realista e crear unha comisión enerxética que avalíe as medidas municipais. Da mesma maneira que se someten todas as propostas municipais a análises económicas e xurídicas antes de presentalas ao pleno, esta comisión analizará a racionalidade enerxética de calquera proposta plenaria á luz do teito do petróleo para evitar medidas que choquen coa realidade enerxética. Xa que logo, propoñemos revisar todos os planos de investimento público municipal baixo un escenario permanente de petróleo caro, nomeadamente en aspectos como previsión de custos e de ingresos, así como de dispoñibilidade de materiais e usos previstos para evitar endebedarse en proxectos inviables ou pouco rendíbeis en termos de xeración de emprego, como está a facer o actual goberno municipal.

A reformulación das contas públicas debería facerse baixo parámetros netamente diferentes ás receitas actuais promovidas desde a Unión Europea ou o Fondo Monetario Internacional que, conforme á doutrina neoliberal, non fan máis que afondar nas contradicións que trouxeron de forma acelerada á situación de crise actual.

Neste sentido sería interasente desenvolver unha contabilidade para cuantificar o aforro para o municipio e para os veciños de aquelas medidas postpetroleo nas que se traballe con fontes locais e resilientes, como medio para demostrar que as medidas melloran de feito a economía do municipio nesta época de dificultades. Así, a poboación comprenda o interese de todas estas medidas, contribuindo á necesaria mudanza cultural.

Relacionados