Orzamentos sanidade

Alternativa Galega de Esquerda espétalle á Xunta do PP que ven “o negocio privado na sanidade como un caramelo moi rico e moi apetecible”.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2013.- O diagnóstico de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) sobre as partidas orzamentarias destinadas polo Goberno do PP á Consellería de Sanidade é claro: “Trátase dun orzamento lesivo para a saúde das galegas e dos galegos”. A deputada Eva Solla esixiu, en comisión parlamentaria, “a revisión dos orzamentos, ou será cómplice de desbaldir o sangue, a suor e as bágoas de milleiros de galegos e galegas que contribuíron a que exista a sanidade pública”. Fronte á conselleira do ramo, Rocío Mosquera, Solla afirmou que cando analizou o proxecto de contas para 2013 elaborado pola Xunta pensou “nunha inocentada, como explicou o compañeiro Beiras”. “Pero non o era”, ironizou, “malia a que os presentaron o 28 de decembro”.

A parlamentaria de Alternativa iniciou a súa intervención cun cuestionamento global da política sanitaria do Executivo de Feijóo. “Queren desculparse dicindo que baixa, pero baixa menos”, expuxo, “é como se me veñen atracar e dou as grazas porque me atracaron pero non me meteron unha malleira”. Solla acusou á Xunta de aproveitar a escusa dunha “débeda odiosa e ilexítima” para destruír a sanidade pública, universal e gratuíta. “A débeda é odiosa porque non a contraeron os cidadáns e polo tanto non a teñen que pagar”, engadiu. E refutou unha das liñas argumentais preferidas pola dereita –“vivimos por enriba das nosas posibilidades”- con esta sentenza: “Son os banqueiros e os defraudadores os que viviron por riba das nosas posibilidades”.

A deputada Eva Solla cualificou os sistemas fiscais galego e estatal de “regresivos”. “É o noso sistema fiscal o que non é solidario”, respondeu ao PP. A partir desta desigualdade, que rebaixa as porcentaxes impositivas aos que máis ingresan, é que os orzamentos programados para a Consellaría de Sanidade diminúen as achegas económicas a segmentos tan sensíbeis como o do Plan contra a droga ou contra o alcoholismo. “Fan que o Plan contra a droga baixe un 30% e contra o alcoholismo un 10%”, inquiriu, “que pasa con esta xente? Non son persoas? Nunca se debe recortar nestes aspectos, pero moito menos nunha situación como a actual”. A parlamentaria de AGE vinculou “a situación de emerxencia social” que vive Galicia coa aumento dos índices de drogodependencia e alcoholismo. Tamén lembrou que os recortes en prevención do cancro son “crueis” e que, de non se rectificar, “porán en perigo a vida de milleiros de galegas”.

Perante o anuncio da Consellería de Sanidade de constituír un observatorio contra as agresións ao persoal, Eva Solla asegurou que a única solución viábel para estes feitos reside en “aumentar o cadro de persoal da sanidade pública e dotalo de máis recursos económicos”. Para Alternativa, a maiores, existe un elemento de máxima preocupación nas rebaixas na medicina preventiva que leva a, despois, “gastar máis en curar xente”. “Uns terán medios para pagar o que non estea no catálogo do Sergas”, resumiu, “e os demais enfermarán porque non o poden pagar”. “Cara onde imos se desprotexemos ao máis desprotexidos? Dígollo eu, cara ao abismo social”, concluíu a deputada Eva Solla.

Relacionados