Esquerda Unida fai do eixe da democracia participativa ( desenvolvemento do Regulamento de Participación Cidadá e a extensión dos orzamentos participativos a toda a cidade ) un elemento fundamental das vindeiras contas da cidade. Para nós supón unha esixencia clave para poder apoiar os vindeiros orzamentos.
Javier Galán avanza a necesidade de dispor alomenos de tres millóns de euros para poder estender a toda a cidade os vindeiros orzamentos participativos para 2011. Cantidade, a referida, que faga crible e atractiva a asunción de responsabilidade da nosa veciñanza na toma das decisións nas accións e iniciativas a desenvolver no eido municipal.
Xunto cos OP,s do ano 2011, Esquerda Unida entende que hai que adicar outra partida orzamentaria suficiente para garantir o desenvolvemento dos organismos e accións contidas no novo Regulamento de Participación Cidadá. Extensión dos OP,s á toda a cidade e desenvolvemento do novo Regulamento, son dúas iniciativas da meirande importancia para acadar a consolidación e impulso dunha política de transformación no xeito e nos contidos para a nosa cidade, son as claves da Democracia Participativa.
A nosa organización quere chamar a atención do Goberno Municipal acerca da necesidade e importancia de entablar unha negociación política encol dos vindeiros orzamentos, máxime diante da premura dos prazos e a conveniencia de non adiar a aprobación do orzamento municipal. Esquerda Unida lembra que o Goberno Municipal presentou a memoria do anteproxecto fóra dos prazos, xa en novembro, cando a lexislación contempla como data límite o 15 de outubro. O noso Grupo agarda que vencidas as ocorrencias aquelas que dende alcaldía sinalaban que era innecesario aprobar o orzamento, o Goberno se dispoña con dilixencia e vontade a acadar un acordo orzamentario de esquerdas, social e participativo.
A memoria presentada polo Goberno foi contestada cun texto alternativo elaborado polo noso Grupo Municipal marcando obxectivos e salientando a necesidade de corrixir eivas e insuficiencias e achegar novas partidas, entre as que queremos salientar, reiterámolo así, a necesidade de dotar orzamentariamente a partida para os OP,s e o desenvolvemento do Regulamento.
Yolanda Díaz, Voceira do noso Grupo Municipal, insta ao Goberno a atender as necesidades da cidade e da veciñanza e, xa que logo, facer todos os esforzos por acadar un novo orzamento, que supere o prorrogado, o cal recualificado polas nosas achegas posúa un acusado perfil social e participativo.