Santiago de Compostela, 14 febrerio de 2013.- O grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda denunciou a situación de emerxencia na que se atopa o ensino público no noso país como consecuencia das políticas de ‘austericidio’ do Partido Popular.
Os deputados, Xabier Ron e Ramón Vázquez, presentaron esta mañá as dúas Proposicións non de lei de AGE nas que avanzan na defensa do carácter público e laico do ensino en Galicia nas que solicitan por unha banda a suspensión progresiva dos concertos educativos con centros privados e por outra, dirixir os fondos destinados ao ensino da relixión católica para financiar a educación pública e para convocar ofertas públicas de emprego amplas que dean resposta as necesidades do sistema educativo público galego.
O deputado Xabier Ron criticou o que “considera uns orzamentos negativos que marca nunha continuidade irresponsable e suicida que nos sitúan nun bucle recesivo, nun país onde a destrución de emprego non deixa de ser unha mala nova mes tras mes”.
Ramón Vázquez pola súa banda salientou a “salvaxe redución de 149 millóns de euros” realizada por parte do goberno da Xunta que supón “unha auténtica asfixia e colapso do Sistema Educativo Público que se produce cada ano de xeito sucesivo” mentres que para o ensino privado consígnase unha partida de 237 millóns de euros para o ensino privado/concertado. Máis de 1.000 millóns nestes catro anos”.
“O modelo educativo que sustenta o Goberno do PP caracterízase pola hexemonía dos centros privados/concertados que copan as zonas máis céntricas das cidades e pon cada vez máis atrancos ás escolas no rural” declarou Ramón Vázquez. Os datos deixan claro o modelo educativo que defende o PP xa que con eles pecharon 322 aulas en escolas de toda Galicia e 46 centros de ensino público, arrasando co sistema educativo rural galego, mentres que realizaron 27 novos concertos educativos con centros privados.
Os deputados de AGE criticaron tamén a partida orzamentaria de 27 millóns de euros para o pago ao profesorado de relixión católica maioritariamente, investindo máis de 150 millóns de euros nestes catro anos. Dende AGE consideran que non se deben poñer trabas a ningunha confesión relixiosa e manifestan o seu respecto polas crenzas propias de cada quen non seu ámbito privado e particular, apoiando incluso que se podan ceder espazos dos centros educativos a calquera organización relixiosa, como a calquera colectivo ou asociación, pero sempre fóra do horario escolar. “O trato privilexiado e preferencial que recibe a relixión católica e o seu tratamento no ensino público, constitúen unha desviación do marco constitucional e estatutario, polo que debe ser abordado de xeito urxente” xustificou Ramón Vázquez.