EU celebra as sentenzas do Supremo contra a separación escolar por razón de sexo. As dúas sentenzas do Tribunal Supremo contra a financiación pública dos colexios que practican a discriminación por razón de sexo, separando a nenos e nenas no seu proceso educativo, por considerar que esta práctica é discriminatoria, poñen un pouso de xustiza.
A coordinadora nacional e candidata á Xunta de Galicia, Yolanda Díaz, manifesta que “resulta esperpéntico e triste escoitar a un ministro de educación xustificar a segregación educativa baséandose en preceptos desfasados e que desatenden o principio básico da educación inclusiva, que debe guiar a calquera tipo de educación sostida con fondos públicos”. As sentenzas do Tribunal Supremo que consideran estas prácticas como discriminatorias, fundaméntanse nun artigo da actual Lei de Educación (LOE) que provén dunha emenda de substitución, presentada no seu día por Esquerda Unida e expresada nos mesmos termos que recolle o artigo 14 da Constitución: “En ningún caso haberá discriminación na admisión de alumnos por razóns ideolóxicas, relixiosas, morais, sociais e de etnia, de sexo ou de nacemento.” Por iso, o Alto Tribunal lembrou que a LOE establece que na admisión de alumnos e alumnas non pode existir discriminación por razón de sexo.
Desde Esquerda Unida esiximos que a Consellería de Educación retire todo tipo de financiación pública aos 5 centros educativos de Galicia que practican este tipo de educación segregadora e discriminante, e que se persiga e sancione a calquera centro educativo que incumpla a vixente Lei de Educación (LOE), que prohíbe todo tipo de discriminación (incluido o sexo) no proceso de escolarización dos centros educativos sostidos con fondos públicos.