Os expertos avalán o PIMUS

 

Fernanda Miguélez sinala que o maior problema é a “absoluta falta de planificación, a improvisación permanente e a falta de criterio sobre o tipo de mobilidade que se quere para os cidadáns”. As devanditas aseveracións poñen en valor o Plan Integral de Mobilidade Universal e Sustentábel (PIMUS) desenvolvido participativamente por Esquerda Unida, que dende fai meses está a presentar ao tecido asociativo coruñés e a cidadanía en xeral.

 

Novamente a experta coincide plenamente cos postulados de Esquerda Unida, ao afondar na necesidade de fidelizar ao usuario de transporte público mediante o billete único diario, algo polo que EU aposta decididamente como maneira de facelo universal e abaratar os seu custe para facelo atractivo para a maioría social, pois a cidadanía non renunciará ao uso do coche até que o transporte público lle resulte máis rápido e económico.

 

Xa que logo, o consello comarcal de EU Coruña considera que as declaracións da experta universitaria, coinciden coas nosas propostas en canto a mobilidade, aforro enerxético e contaminación.

 

O coordinador comarcal de EU, César Santiso, subliña a urxente necesidade de desenvolver un plan de mobilidade que permita reducir a dependenza do petróleo diante da crise enerxética. Crise que segundo César Santiso non fixo máis que empezar e so vemos a súa faciana máis suave, pois cando a demanda supere con creces á oferta, o consumo de enerxía fósil quedará reducido a uns poucos usos fundamentais e aos privilexiados que teñan grandes recursos económicos.

 

Santiso remarcou a importancia dos aparcadoiros disuasorios nas principais entradas da cidade, conectados con liñas dedicadas de transporte público para evitar a entrada na Coruña de miles de vehículos e así, desconxestionar o tráfico interior e mellorar as infraestructuras de carril bus para o transporte público.

Relacionados