Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda denunciou a actitude inmoral do goberno galego que está a usar as concesións de licencias para as emisoras de radio para favorecer a todas aquelas afíns á dereita amosando unha vez máis a súa grave falla de pluralidade e ética democrática. Así, tal e como destacan nos propios medios de comunicación, COPE, Onda cero ou Libertad Digital ocupan os primeiros postos da lista de beneficiadas.
O goberno galego na súa labor de conseguir que os seus ‘amigos’ conten cos máximos beneficios posibles non só outorga licencias aos medios integrados no espectro da dereita senón que chega incluso a conceder licencias a medios do sector da comunicación como é o caso do Grupo Intereconomía, claro defensor da liña conservadora do PP, inmersos en expedientes de regulación de emprego e onde moitos dos seus traballadores levan meses sen percibir un só euro do seu salario.
Por todo isto, Alternativa Galega de Esquerda esixe á Xunta de Galicia que deixe de empregar a autorización de licencias de radio como moeda de cambio para o que se pode considerar unha chantaxe aos medios de comunicación e un claro intento de manipulación atacando de xeito directo a liberdade de expresión e a pluralidade informativa, piares imprescindibles nunha sociedade democrática.







