O Grupo Municipal de Esquerda Unida demanda do Goberno Municipal que faga efectivos os compromisos herdados do mandato anterior en orde a devolverlle á veciñanza os montes expropiados á veciñanza durante a ditadura franquista en Brión. Esquerda Unida entende suficientes os meses transcorridos para que as xestións a desenvolver polo Goberno teñan producido efectos reais. Hai un ano da toma de posesión e xa toca abordar cuestións como esta. O Pleno manifestouse claro na demanda de proceder a devolver os montes e superar así unha imposición pola forza nun tempo de ditadura. Nós demandámoslle ao PP que nos diga que fixo neste tempo e sobre todo que vai facer para atender unha reclamación xusta.
Doutra banda e en conexión con esta medida reparadora, Esquerda Unida avoga por faceren un parque natural que permita integrar os restos arqueolóxicos radicados nesa parroquia de xeito que se poida constituír un espazo de recreo e lecer alternativos.
Esquerda Unida está certa da necesidade de producir novas posibilidades dun ocio e lecer alternativos, aproveitando o patrimonio arqueolóxico da zona, no entorno da nosa cidade e no convencemento que con elo se mellora a calidade de vida da nosa veciñanza e se incrementa o atractivo da nosa cidade para desenvolver unha oferta de lecer para as persoas que nos visitan de carácter sustentable.
Pedímoslle ao Goberno, xa que logo, que traballe nas dúas liñas subliñadas: desenvolver os trámites conducentes a devolver á veciñanza os montes comunais e na planificación dunha intervención pública- que estimamos vai ser económica – para pór ao dispor da nosa cidadanía os valores naturais e arqueolóxicos da parroquia de Brión.