Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2013.- Xosé Manuel Beiras volveu esta mañá expoñer o diagnóstico de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) sobre o proxecto de Orzamentos para 2013 da Xunta do PP. “Vostedes percorren o que os mellores científicos sociais cualifican de camiño cara ao inferno”, afirmou no pleno de debate das emendas de devolución dos Orzamentos, “e no que o noso país non está só, senón con todos os países de Europa, incluído Alemaña”. Coas bancadas da oposición baleiras en protesta polo veto da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, aos cidadáns convidados á sesión –so ficaron na Cámara os voceiros de PSdeG, AGE e BNG-, Beiras cualificou as contas de Feijóo de “indefendíbeis en termos macroeconómicos”. “Pero vostedes obedecen a un amo programado para saquear as condicións de vida da xente do común”, engadiu, “como unha meiga chuchona”.
A emenda de devolución dos Orzamentos de Alternativa Galega de Esquerda impugna o obxectivo de déficit imposto ás comunidades autónomas polo Goberno de Madrid –un 0,7%, cando a troika europea sitúa ese límite para o Estado español no 4,5%- e, polo tanto, a vía da chamada “consolidación fiscal”. “A orixe da débeda pública non é pública”, clamou o portavoz de Alternativa, “e o lerio da consolidación fiscal volatiliza a precaria autonomía financeira da autonomía”. A reforma da Constitución pola porta de atrás, hai máis dun ano, supuxo levar ao articulado da norma as políticas neoliberais extremas acordadas por institucións que non responden á soberanía popular. “Esa reforma anula ou maniata a soberanía dos Parlamentos, que foron orixinalmente deseñados para que todo o mundo pagase por igual os seus impostos”, expuxo, “e vostedes sacrifican o benestar dos cidadáns a principios dogmáticos da santa igrexa hayekian-miltonfriedmana”.
Xosé Manuel Beiras apoiou a súa intervención con citas extraídas do último informe anual da Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento (UNCTAD) e que, entre outros asuntos, trata de explicar que “sempre e cando os ingresos fiscais máis elevados se utilicen para financiar gasto adicional do Estado, mellorarán as expectativas de crecemento da demanda para as empresas”. Pero non é o caso dos Orzamentos para 2013 deseñados pola dereita, que caen un 7%, un 10% en termos reais, sobre os de 2012. Que implica que a metade do recorte -290 millóns, case o 44%- sexa aplicado na sanidade e na educación públicas. Ou que o gasto orzamentario en vivenda caia un 45%. Nesta paisaxe económica é que Alternativa Galega de Esquerda tamén presentou unha emenda que aumenta o endebedamento e obtería 410 millóns de euros para “gastar en capital social básico”.
“Vostedes manexan unha lóxica aberrante”, resumiu Beiras, “e falan da crise como se fose un fenómeno metereolóxico e nunca identifican os culpábeis”. Porque no PP son “máis papistas ca o papa”. “Cando un escoita as súas intervencións [en referencia á dereita] comprende o descrédito das institucións a ollos da cidadanía máis reflexiva, aquela que usa a cabeza para interpretar o que pasa”, concluíu.