Os xogos da vergoña

A popularmente chamada lei “anti gai”, que castiga con multas e incluso con penas de cárcere a quen manifeste publicamente a súa homosexualidade ou bisexualidade, así como a expresión da súa identidade transexual, pode convertir esta data deportiva nun claro exemplo de intolerancia e discriminación. Sochi 2014 entraría así na honorábel lista de datas escuras do deporte, situándose ao nivel dos Xogos Olímpicos de Berlín en 1936, organizados polo Goberno do Partido Nazi baixo unha vergoñenta e criminal propaganda racista.

O executivo ruso, con Putin ao mando, parece non estar preocupado polo rexeitamento internacional que a súa inxusta lexislación está provocando, máis ben todo o contrario. A pesares das protestas de diferentes atletas, nada apunta que vaia  haber un cambio na política do Kremlin, que recibe o apoio das institucións rusas máis retrógradas. Neste punto, a Igrexa Ortodoxa preséntase coma líder dos “beneficios” do heteropatriarcado, defendendo posicións claramente orientadas á discriminación e ao odio, tanto cara as mulleres como cara as orientacións non heteronormativas. Recentemente, o presidente Vladimir Putin apareceu en televisión dando unha mensaxe que pretendía ser conciliadora: “a xente pode sentirse libre e en paz pero, por favor, deixen aos nenos en paz”, declarou, e que non fixo senón que avivar ainda máis o lume da indignación. A unión que vén facendo dende hai tempo a propaganda oficialista rusa entre as vivenzas LGTBI e a pedofilia no fai senón evidenciar, unha vez máis, o malintencionado de quen pronuncia tales palabras co paradóxico obxectivo de tranquilizar.

Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo Sexual (ALEAS) de Esquerda Unida denunciamos manifestamente este tipo de estratexias como unha forma máis de lexitimar a criminalización das persoas LGTBI aos ollos das clases populares, ao mesmo tempo que este tipo de políticas dirixidas á discriminación e ao odio dun amplio espectro da sociedade garda relación co control social da sexualidade, control que sufren principalmente as devanditas clases populares nun contexto capitalista coma o ruso.

Por outra parte, tampouco os gobernos que se autoproclaman defensores dos  Dereitos Humanos, como Estados Unidos ou a propia Unión Europea, adquiren unha actitude seria e firme neste asunto. Nin uns nin outros teñen como unha verdadeira prioridade na súa axenda o desenvolvemento dos Dereitos Humanos de maneira efectiva no seu propio territorio. A pena de morte institucionalizada nalgúns estados dos EE.UU, a situación de exclusión social e pobreza que sufren as persoas LGTBI no capitalismo nortamericano, ou o emprego de métodos inhumanos coma as coitelas e os muros nas fronteiras da UE para controlar os fluxos migratorios, son só algúns exemplos disto.

Dende ALEAS-EU non podemos senón condenar rotundamente as declaracións do Presidente Putin e facer unha chamada ao boicot e ao rexeitamento internacional hacia uns xogos que serán unha vergoñenta expresión da exclusión e a represión LGTBIfóbicas. É tremendamente preocupante que o colectivo LGTBI ruso estea sufrindo directamente o ataque dun goberno que debería respetar e protexer os seus dereitos. A lexislación “anti-gay”, vixente dende xuño de 2013, non só supón a imposición do silencio e a invisibilidade pública ás persoas LGTBI polo feito de selo, senón que fomenta a creación dun clima social contrario a todo aquel, a toda aquela, que non se axuste á norma heterosexual vixente.

Porque non aceptamos a imposición da súa moral pechada, retrógrada, intolerante; porque tódalas persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero, teñen dereito a vivir a súa sexualidade libremente e a súa expresión de xénero sen coaccións; porque non aceptamos pasos atrás na igualdade; porque os colectivos rusos polas liberdades sexuais non están sós; porque o deporte debe ser a ferramenta da unión e a transformación social, dende ALEAS-EU decimos, berramos, NON aos “Xogos da Vergoña”.

Relacionados