Xa dende 2013, Alternativa Galega de Esquerda vén denunciado de xeito reiterado as intencións do Ministerio de Defensa e da Xunta de Galicia de converter o aeródromo de Rozas nunha base para probas con drons militares, agochando información relevante, dende o comezo, a toda a cidadanía galega.
Neste senso, o deputado de AGE, Ramón Vázquez, denunciará no Pleno, dunha banda, “a publicidade descontrolada en campaña electoral” e, doutra, “a controlada opacidade de información que se ten dado deste convenio diante das demandas de información presentadas por este grupo parlamentario”. “Hai meses que a Xunta sostén a ladaíña de Rozas como centro de investigación e onte, coas urxencias electorais, a Xunta anunciaba o investimento ate 2020 de 45 millóns de euros para constituír un polo industrial e tecnolóxico de avións non tripulados en Galicia”, sinalou. Cómpre lembrar que a Xunta aínda oculta o convenio asinado co ministerio de Defensa para converter nunha base experimental de drons o Aeródromo de Rozas no Concello de Castro de Rei (Lugo).
Agora, anúnciase que a Xunta vai contratar un ou varios socios tecnolóxicos para que desenvolvan un plan de investimento asociado cunha contratación que prefigura outra privatización por un importe de ate 25 millóns de euros. O outro anuncio suporá gastar 20 millóns de euros en compra pública innovadora de tecnoloxías novas xa desenvolvidas. Iso si, a partires do ano que vén e sen máis especificacións. Este gasto se anuncia tras o dos 10 millóns de euros anunciados para adaptar Rozas ás esixencias da OTAN.
Dende o grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda denunciouse esta situación e presentáronse diferentes iniciativas no Parlamento Galego e no Congreso través do Grupo da Esquerda Plural quen, ademais de realizar diferentes preguntas sobre este tema ao Goberno, solicitou a comparecencia do Ministro de Defensa que a día e hoxe segue pendente.
Oscurantismo e desinformación
O Goberno Galego ocultou información relevante de xeito grave e
recalcou o carácter civil dos artefactos a desenvolver en Rozas cando xa se coñecían, como demostrou AGE, as probas con modelos de dron con fins militares como o propio ATLANTE en proceso de artillaxe polo fabricante de mísiles MBDA.
En xaneiro de 2014 o INTA anunciaba a inminente firma dun convenio coa Xunta de Galicia para perimetrar e cercar o aeródromo de Rozas, mellorar a torre de control, construír un novo hangar e instalar un sistema de seguridade aérea para detectar aparellos en voo, dentro do programa para o establecemento da base de probas para drons permanente que o Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeronáutica previu para as instalacións lucenses.
Dende Esquerda Unida denunciamos, por un lado, a opacidade de información e, por outro, recalcamos que este proxecto, ademais de pór ao servizo das multinacionais armamentísticas instalacións e recursos públicos, non vai a crear emprego nin desenvolvemento económico para a zona, pois tanto o INTA como as empresas usuarias do Aeródromo de Rozas, trasladan ó seu persoal e instrumental para a realización das probas. Por último, creemos que os veciños dos municipios afectados por estas instalacións teñen dereito a saber a verdade e a estar informados sobre as consecuencias derivadas das probas con drons nas súas localidades.
Adxuntamos o enlace (http://www.boe.es/boe/dias/2015/06/03/pdfs/BOE-B-2015-17970.pdf) á Resolución de 29 de maio de 2015, da Dirección da Axencia Galega de Innovación, publicada hoxe no BOE, pola que se procede á publicación do anuncio previo relativo á “Civil UAVs Initiative”, que ten por obxecto fomentar o uso dos UAVs (vehículos aéreos non tripulados) na mellora da prestación dos servizos públicos a través de procedementos de contratación pública de innovación (CPI).
PDF (BOE-B-2015-17970 – 2 págs. – 167 KB)