Ourense dixo Non ao TTIP

Na mesa informativa que organizamos o día previo e no propio acto deste sábado 18A, tivemos ocasión de comprobar que o TTIP xa non é un tema totalmente descoñecido na rúa. Tendo en conta a complexidade do tema, e a escasa cobertura que lle dan nos medios locais ás negociacións dos TLC, hai que valorar moi positivamente o traballo de divulgación e mobilización que leva facendo a Plataforma desde que iniciou a súa actividade en setembro do pasado ano.

Unha desas actividades de divulgación en Ourense foi a xornada informativa do 10 de marzo, onde o noso compañeiro Xosé L. Outes, xunto con Manolo Martín (SOS Sanidade pública) e Ángel Dorrío (Amigos da Terra) explicaron o impacto que pode ter a firma do ttip en aspectos  tan importantes coma nosa saúde, os nosos dereitos laborais, o noso medio ou nas economías locais.

Os participantes fixeron unha análise de varios aspectos esenciais do tratado, ata chegar á conclusión que Outes resumiu nunha frase: o TTIP non é un tratado comercial. É un acordo promovido e dirixido polas grandes corporacións con tres grandes obxectivos: reducir ao mínimo as barreiras non arancelarias (dereitos sociais e normas de protección que “dificultan” os negocios); privatizar a xustiza (os litixios empresas/estados non se resolverán nas xurisdiccións estatais); e eliminar o Estado, o sector público, como axente económico, abrindo un enormes posibilidades de negocio para as grandes empresas coas privatizacións.

O esforzo das plataformas cidadás coas súas mobilizacións, xunto co traballo dos nosos grupos parlamentarios autonómico, nacional e na UE, xa comeza a dar resultados. Grazas á presión social, nin os negociadores do tratado nin os partidos políticos que o defenden poderán seguir ocultando o que só se pode definir como verdadeiro atentado contra a nosa soberanía e os nosos dereitos.

Relacionados