Paga extra de nadal

Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda presentou unha pregunta polo trámite de urxencia no Parlemento relativa á supresión da paga extra do nadal.

Os deputados de Alternativa Galega de Esquerda consideran urxente afortalar a capacidade das persoas que traballan no sector público para enfrontarse aos gastos correntes e extraordinarios que ocasiona o mes de decembro, asi como para interesarse por coñecer as medidas compensatorias que o goberno da Xunta de Galicia ten pensado poñer en marcha para suplir a supresión da paga extra do nadal 2012.

A cidadanía galega leva tempo soportando as consecuencias dos recortes en materia de dereitos de todo tipo que, unido ao incremento de imposicións indirectas, as máis insolidarias desde o punto de vista da progresividade fiscal, provocan que milleiros de persoas teñan verdadeiros problemas para chegar a fin de mes de forma digna.

En tempos de crise faise evidente que as persoas precisan máis que nunca de todos os medios necesarios para chegar a fin de mes de forma digna. Un deses medios é, loxicamente, o salario (incorporando as pagas extras) que se recibe polo desenvolvemento dun emprego remunerado.

Os traballadores e traballadoras pertencentes ao mundo da función pública teñen na paga extra de nadal unha ferramenta esencial para facerlle fronte a gastos extraordinarios (IBI, seguros, etc.), asi como para dinamizar, en función da súa capacidade e en resposta ás súas necesidades, durante unhas datas tan significadas, ao sector do tecido produtivo do pequeno comercio tan necesitado de osíxeno e revitalización.

É incuestionable que a paga extra de nadal adquire, polo tanto, unha función que vai máis aló do meramente económico, senón que abrangue o existencial e actúa como certo garante da cohesión social.

Por iso, o Real Decreto-lei 20/2012, de 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade presupostaria e de fomento da competitividade, que promulga a supresión da paga extra do nadal do 2012 aos traballadores e traballadoras do sector público non pode representar máis ca un risco para dita cohesión social, amais de condicionar –debido ás consecuencias económicas que se derivan de non dispoñer da liquidez prevista- as xa castigadas posibilidades vitais de traballadores e traballadoras. As consecuencias negativas deixaranse sentir en todo o pequeno tecido produtivo e no pequeno comercio.

A retirada da paga extra de nadal en vez de afrontar a crise, tal como se declara na propia exposición de motivos do R. D.-L 20/2012, constitúe unha medida de carácter procíclico que só acentuará, aínda máis, as consecuencias negativas da actual situación económica, polo que a restitución de dita paga debería ser primordial para o goberno galego.

A esta situación, xa grave de por si, temos que engadir o feito de que os funcionarios pertencentes a clases pasivas, cotizarán pola paga extra de Nadal como se a tiveran percibido, co correspondente desconto en nómina. Así, estes traballadores públicos, cobraran menos no mes de decembro que no de novembro.

Tendo en conta todos estos aspectos, o Grupo Parlamentario da Alternativa Galega de Esquerda pregúntalle ao goberno galego se ten previsto o implementar medidas compensatorias para o persoal do sector público que alivien as consecuencias da supresión da paga extra deste nadal 2012.

 

Relacionados