Pago matrículas universitarias

Un destes dereitos que dende a administración local, e dende calquera outra, se debe garantir é o dereito á educación pública, gratuíta e de calidade, como, por exemplo, facilitar que calquera persoa poda acceder ou continuar cos seus estudos universitarios.

É máis que evidente, pese ao recente xogo manipulador do ministro Wert coas cifras das becas, que o Partido Popular quere restrinxir o acceso ou permanencia na carreira universitaria, poñendo o máximo posible de dificultades a moitas persoas con escasos recursos económicos, atentando claramente contra a igualdade de oportunidades.

Este ataque á nosa educación pública xa tería comezado non só cos recortes do goberno do PSOE xa no 2010, senón tamén coa implantación do modelo universitario coñecido como “Plan Boloña”, un modelo que abría as portas ao camiño da privatización e precariedade das universidades públicas, camiño que agora está a continuar o (des)goberno do Partido Popular.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela é necesario que o Concello de Santiago actúe contra o ataque que tanto Rajoy como Feijoo están a asestar contra a educación pública, apostando por un modelo no que só terán dereito a acceder á universidade o estudantado con familias con moitos recursos.

Ademais da crítica institucional que se poida facer ao modelo de educación que o PP quere impoñer, é necesario que o Concello actúe, por exemplo, asumindo o pago da matrícula universitarias de aquelas veciñas e veciños que acrediten que o ano pasado tiveron beca e este ano nas mesmas condicións, tras solicitala debidamente, lles foi denegada debido as nefastas e execrables do ministro Wert

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDO

Primeiro. Que o Concello abone a matrícula universitaria daquelas veciñas e veciños que perderon a beca por mor das medidas levadas a cabo polo ministro Wert

Segundo. Que o Concello inste á USC e á Xunta de Galicia a crear un fondo solidario para axudar ás familias das e dos estudantes de todas as universidades públicas de Galicia que o necesitaran a sufragar os gastos das taxas universitarias así como das matrículas.

Relacionados