Esquerda Unida considera que o IFECO debe dar un xiro de 180º ao recinto feiral para que sirva como polo de desenvolvemento. Efectivamente coa renuncia da entidade camaral e dos empresarios a continuar no pleno do patronato e no consello de dirección de IFECO, queda toda a titularidade e capacidade de xestión en mans públicas, concretamente de Xunta, Deputación e Concello. Esta situación obriga aos poderes públicos a repensar os usos de Expocoruña para reconvertelo nunha auténtica ferramenta para reactivar a economía e xerar emprego e rendabilizar en termos de actividade económica e xeración de emprego, os 72 millóns de investimento: 26 Xunta, 9 Deputación, 30 Concello (valor dos terreos), 6 Caixa Galicia e o 1% das obras por parte de cámara de comercio e Confederación de Empresarios da Coruña.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes aposta por darlle un uso intensivo as instalacións de Expocoruña, mantendo por unha banda as actividades destinadas a crear novos espazos de negocio e por outra, albergando a sede so servizo integral de apoio municipal a emprendedores (SIAME), unha ferramenta efectiva para autónomos, PEME e cooperativas, xa que pretende cubrir as necesidades básicas ás que se enfrontan os emprendedores, para que poidan centrar o seu esforzo na súa actividade produtiva sen perder o tempo en outras actividades auxiliares necesarias para manter a actividade e rachar así coa barreira burocrática que na practica desaléntea a moitos emprendedores a iniciar unha actividade e bloquea aos que xa a están a desenvolver.
Así, mediante unha taxa que cubra custos de xestión o Concello xestionaría mediante recursos propios e convenios con empresas locais a prestación de servizos administrativos, das TIC (informáticos e comunicacións), de loxística, de asesoramento contábel, laboral ou tributario e incluso o acceso a oficinas administrativas.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “nestes cinco anos, ademais de ser incapaz de cubrir as expectativas acadadas como ferramenta para o tecido produtivo, Expocoruña resultou unha ruína para as arcas públicas con preto de catro millóns de perdas nos tres últimos anos”. Así apesares da reorganización anunciada polo goberno municipal fai un ano no 2012 as perdas foron de 881.000 € tendo en conta as amortizacións do inmoble.