Parabéns traballador@s de POVISA

Esquerda Unida celebra a sentenza e felicita aos sindicatos, empregadas e empregados por teren gañado esta primeira batalla contra os abusos da empresa. A dirección, pretendía, amparándose na reforma laboral e tras impedir a negociación dun novo convenio, acollerse ao convenio provincial para as traballadoras e traballadores sanitarios, feito que implicaba unha importante perda de masa salarial (en torno a un 40% do salario, dependendo da categoría). Isto non é máis que a “gota que colma o vaso” dunha serie de medidas tomadas nos últimos anos por parte da dirección da empresa, tales coma recurtes de persoal, instauración de turnos á mercede da empresa, cambios de servicio a persoal fixo e eventual,etc que non fan máis que empeorar a asistencia sanitaria prestada.

Esquerda Unida denuncia tamén o desleixo da Consellería de Sanidade, que pese a entregar anualmente decenas de millóns á empresa pola concertación dunha atención sanitaria que debera prestar o Servizo Galego de Saúde, desenténdese sen importarlle para nada as pésimas condicións laborais nas que está a traballar a plantilla e as deficiencias na atención sanitaria que isto ocasiona. Constitúe polo tanto un agravio ás veciñas e veciños que teñen que ser atendidos no centro e supón un trato de favor cara esta empresa, un “cheque en branco”  a POVISA sen esixir responsabilidades algunhas.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, manifesta que “é necesaria unha loita continua pola defensa dunha sanidade 100% pública que evite a especulación coa saúde dos galegos e das galegas”.

 

Por todo isto, Esquerda Unida, reitera que continuará apoiando as mobilizacións das traballadoras e traballadores, pero tamén a loita pola defensa dunha Sanidade 100% pública .

Relacionados