Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2013.- A parálise na Consellaría de Cultura, que nin sequera existe máis que como un apéndice da de Educación, é total. Non só o denuncia Alternativa Galega de Esquerda (AGE) a través do seu deputado Xabier Ron, senón a práctica totalidade de asociacións, plataformas e colectivos do sector. Pero, ademais, unha vez aprobados co rolete do PP os Orzamentos da Xunta para 2013, tampouco parece que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) vaia tirar do carro. Os nove millóns destinados a ela fano, explica Ron, “de maneira opaca e non permite aos propios beneficiarios dos mesmos, os axentes culturais, saber como se van distribuír os recursos económicos”.
Trataríase dunha anécdota de non ser porque este escurantismo “obstaculiza a debida planificación de actividades do sector”. Pero, é máis, Agadic, segundo os seus principios fundadores o ente encargado de dinamizar o tecido cultural, continúa sen coordinador. Por iso, Alternativa formula preguntas ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, cuxo traballo non dubida en cualificar de “negativo”. Entre as cuestións, atópanse o intento de dilucidar canto dos nove millóns de euros se corresponden con débedas do exercicio pasado e canto para 2013, se Lorenzo vai sentar a falar co sector e se Agadic vai explicar en que vai gastar os cartos.