Paremos a reforma laboral

 

Logo das lesivas e inútiles reformas laborais desenvolvidas polo PSOE no 2010 e no 2011, agora o conxunto dos traballadores enfrontámonos a unha nova perda de dereitos, xa que, entre outras cousas, establece un novo contrato con período de proba de un ano, abarata e facilita o despido en xeral, desregula o tempo de traballo e, de facto, anula os convenios colectivos.

 

Pola contra, ademáis de facilitarlle a libre disposición dos traballadores, a nova contrareforma laboral supón para os empresarios, coa excusa de incentivar a contratación, novas deduccións ás cotas da seguridade social e rebaixas fiscais. Medidas estas, que co seu abuso, contribúen a mermar a solvencia do INSS e a reducir os ingresos do estado. Precisamente os motivos polos que xustifican os recortes sociais.

 

Esquerda Unida chama á cidadanía á mobilización fronte a reforma laboral. Este novo recorte do PP xunto co recente aumento das cotizacións das rendas do traballo e non as do capital, vense a sumar aos anteriores do PSOE coas contrareformas, o aumento da idade de xubilación, as conxelacións das pensións, ou os recortes dos salarios dos empregados públicos. Medidas estas, que nun contexto de máis de 5.000.000 de persoas desempregadas, de máis de un millón de desempregados/as sen dereito a prestación e de milleiros de persoas que están perdendo a súa vivenda, soamente veñen a empeorar a xa precaria situación da clase traballadora.

 

Esquerda Unida – Os Verdes considera que este novo recorte ás familias traballadoras amosa a hipocrisía tanto do PP como do PSOE, que cando gobernan o fan ao ditado dos mercados, incumprindo e modificando sen rubor o seu discurso de oposición.

 

Por todo isto, convencidos de que unha contundente mobilización social é o único xeito de facer recuar as agresións aos traballadores, dende Esquerda Unida apelamos á unidade da clase traballadora e dos sindicatos. Porque os gobernos ao servizo do capital non atenden a razóns, non van a cambiar o rumbo aínda que os convenzamos de que estas medidas non van a crear emprego. Iso xa o saben. O único que lles pode facer recuar é a forza da mobilización social.

 

Xa que logo, a executiva nacional de EU avoga pola unidade de acción é anuncia que pretende desenvolver unha rolda de contactos con todas as centrais sindicais na procura dunha contundente acción unitaria.

 

DEFENDAMOS OS NOSOS DEREITOS DENDE A UNIDADE DE ACCIÓN!

Relacionados