Paripé na investigación das caixas

Santiago de Compostela, 27 xuño de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) presentará a vindeira semana unha denuncia nos tribunais contra Joaquín Almunia, Miguel Ángel Ordóñez e Marta Fernández Currás despois de o Parlamento de Galicia recibir a súa negativa por escrito a comparecer na chamada comisión de investigación das caixas de aforro. Xosé Manuel Beiras, portavoz do grupo parlamentario de AGE, explicou que esta actitude pode constituír dun delito penal segundo o artigo art. 502 do Código Penal: “Los que, habiendo sido requeridos en forma legal y bajo apercibimiento, dejaren de comparecer ante una Comisión de investigación de las Cortes Generales o de una Asamblea Legislativa de Comunidade Autónoma, serán castigados como reos de delito de desobediencia. Si el reo fuera autoridad o funcionario público, se le impodrá además la pena de suspensión de empleo o cargo público por tiempo de seis meses a dos años”. Alternativa, que apenas intervén na comisión debido ao que denomina “paripé” e “xogo trucado”, ve confirmados os seus temores coas sucesivas negativas a se presentar na comisión.

Beiras tildou de “gravísima” a negativa do comisario europeo, do ex gobernador do Banco de España e da ex conselleira de Facenda. “Unha responsabilidade penal clarísima”, afirmou. No caso concreto de Marta Fernández Currás, responsábel de Facenda durante o proceso de fusión das caixas, Beiras salientou que se trata dunha funcionaria pública e da persoa que contratou os informes sobre a viabilidade da operación e o propio documento da fusión, polo que a súa comparecencia faise máis obrigada. A viceportavoz de Alternativa, Yolanda Díaz, engadiu que a pretendida xustificación de Currás “é unha tomadura de pelo”, xa que a súa citación non era en condición de secretaria de Estado do Goberno central, senón como ex conselleira da Xunta. “Alegar que a norma que os obriga a comparecer é unha norma estatal e non autonómica é unha auténtica burla a cidadanía. Non o imos consentir”, sentenciou Díaz. AGE instou por escrito á presidenta da Cámara, Pilar Rojo, e ao vicepresidente e presidente da comisión, Miguel Santalices, a buscar as responsabilidades mesmo penais dos incomparecentes.

Os líderes de Alternativa denunciaron ademais a “gran mentira” mantida desde 2009, embustes que onte mesmo en sesión plenaria volveu repetir o señor Núñez cando asegurou que a Xunta contratará unha auditoría é empresa KPGM para avaliar a fusión do punto de vista económico financeiro. En realidade, explicaron Beiras e Díaz, o único que hai é unha “diagnose acelerada da viabilidade da fusión entre Caixanova e Caixa Galicia”, que non é máis que un informe á carta por encargo da Xunta centrado en cuestións concretas e limitadas. Algo que os propios responsables da empresa confirmaron esta mesma mañá na comisión de investigación desmentindo ao presidente da Xunta. A este feito súmase a ocultación de información do Goberno galego, que só enviou ao Parlamento o informe incompleto e no que faltan partes esenciais. Por exemplo, a carta que contrata a KPGM.

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), ante esta ocultación premeditada de información fundamental para clarexar o acontecido, remitiu dous escritos reclamando o envío ao Parlamento do expediente administrativo completo dos distintos informes encargados e avaliados por un funcionario e o expediente que avala a fusión das caixas que o presidente da Xunta afirma que existe e que polo momento non está entre os máis de 33.000 folios remitidos ás deputadas e deputados. Outra documentación esixida é a referida ás actas dos consellos de administración para entre outras cousas poder presentar unha querela contra os directivos das caixas de aforro. Sen dita documentación non é posible.

Sobre a grande estafa das preferentes, Beiras considerou revelador o informe de KPGM. Este inclúe un apartado que menciona a necesidade de obter cerca de 700 millóns de euros a través da venda de preferentes e subordinadas e facer así fronte ao pago ao FROB e das axudas públicas no caso de se producir a fusión de ambas entidades. “A Xunta sabía que a venda de preferentes era indispensable para a fusión. O presidente Alberto Núñez Feijoo e a conselleira Marta Fernández Currás empuxaron esta fusión e polo tanto tamén a venda de preferentes”, explicou o voceiro de AGE.

 

A inxustificada negativa dos comparecentes a cumprir coa súa obriga, a ilegal ocultación de información polos diversos organismos, a actitude mentireira do presidente da Xunta tratando de ocultar información para que non se destape a súa grande mentira, entre outras cuestións, avalan a decisión de AGE de non participar neste paripé e de manterse como observadores na comisión de investigación. Entrmentres, o grupo parlamentario continuará buscando as causas do grande burato que deixaron as caixas de aforro no noso país. En palabras da viceportavoz Yolanda Díaz, o mandato dos cidadáns a AGE “é introducir dignidade neste Parlamento”. “Respondemos a un deber superior como é o interese xeral da cidadanía que é o que imos continuar a facer”, concluíu.

Relacionados